Alternativa volve a insistir novamente na necesidade de atención das xeracións máis novas do municipio.
O grupo municipal propuxo na Xunta de Goberno abrir un proceso participativo para a mocidade e familias co obxectivo de recoller as súas principais necesidades e demandas, de cara a activar un programa de actividades que dea resposta ás mesmas.
A proposta baséase na realización dunha enquisa telemática, fácil de difundir e sen custos engadidos para as arcas municipais, que permita recompilar información útil para orientar as políticas de xuventude nos vindeiros anos. Ao mesmo tempo, a iniciativa pretende fomentar unha maior participación da mocidade na vida municipal.
O executivo local recolleu a proposta e comprometeuse a estudala para valorar a súa posta en marcha. Pola súa banda, Alternativa trasladou a súa dispoñibilidade para colaborar na iniciativa e non descarta presentar propostas similares noutras áreas.
“Dada a situación actual, é un bo momento para partir das necesidades reais da veciñanza e establecer a dirección das actuacións municipais nas diferentes áreas.” matiza Raúl Varela, voceiro do grupo.



