As obras supoñen un investimento que supera os 140.000 euros
A rúa Castelao, en Aguiño, verá renovado o seu firme en vindeiras datas. O Concello de Ribeira continúa co seu compromiso de traballar na mellora das súas infraestruturas, poñendo desta vez o foco nunha das estradas que rexistra maior densidade de circulación na referida parroquia ribeirense.
Nesta semana iniciáronse as obras que supoñen intervir en aproximadamente un quilómetro de lonxitude a través do fresado do pavimento existente, a preparación da superficie, a extensión do novo aglomerado, a adecuación das tapas de rexistro á nova rasante e a pintura viaria.
Os edís Vicente Mariño, Ana Barreiro e Fernando Abraldes desprazáronse hoxe ata o lugar para comprobar o arranque da intervención.
A empresa Canarga, S.L. é a adxudicataria desta actuación por un importe de 140.145 euros, IVE incluído, con cargo ao POS+2024.



