HomeA CoruñaO PSdeG advirte de que declarar Santiago zona de mercado tensionado non...

O PSdeG advirte de que declarar Santiago zona de mercado tensionado non resolverá por si soa o problema da vivenda

- Anuncio -spot_img

Marta Abal advirte de que declarar Santiago zona tensionada non resolverá por si soa o problema da vivenda e insiste na necesidade de medidas complementarias.


A concelleira socialista alerta de que en Santiago “non hai vivenda para alugar a prezos accesibles” e reclama actuar xa sobre o parque de vivenda baleira.


As e os socialistas denuncian a falta de ambición nas políticas de vivenda e esixen á Xunta e ao Concello actuar con máis decisión e coordinación.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal advertiu de que a solicitude para declarar Santiago como zona de mercado residencial tensionado non resolverá por si soa o problema da vivenda e insistiu en que esta figura “non é un fin, é un medio para facer políticas públicas de vivenda”.
Abal advertiu de que a petición municipal baséase no incremento acumulado do prezo do alugueiro entre 2019 e 2024, superior ao 40% segundo datos do Observatorio da Vivenda de Galicia, o que evidencia que “en Santiago de Compostela temos un problema serio no mercado de alugueiro”. Con todo, advertiu de que a clave está nas medidas que se adopten a partir de agora, porque “o esencial son as medidas correctoras”.
A concelleira socialista puxo o foco na falta de oferta de vivenda accesible e subliñou que “non hai vivenda para alugar a prezos accesibles”, lembrando que o número de persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda medrou un 140% desde 2020, pasando de 726 a 1.749 persoas.
Neste sentido, destacou tamén o déficit estrutural do parque de vivenda en aluguer social en Santiago, que se sitúa nun 1,48% do parque residencial, moi lonxe da media estatal (3,3%) e da europea (8%). “Estamos evidentemente moi lonxe da media estatal e afastadísimos da media europea”, advertiu.
Abal insistiu en que, ante esta situación, fan falta medidas a curto e a longo prazo. A curto prazo, reclamou actuar sobre o parque de vivenda baleira e lembrou que o propio estudo municipal sinala que “o stock de inmobles desocupados constitúe unha oportunidade para ampliar a oferta de vivenda a curto prazo”. Segundo datos do INE de 2021 incluídos no expediente, en Santiago hai 6.198 vivendas baleiras.
Por iso, os socialistas propoñen a posta en marcha dun programa municipal específico para mobilizar vivenda baleira, inspirado en experiencias como a do Concello de Lugo ou o programa vasco Bizigune, e advertiu de que “o programa da Xunta non está a funcionar”.
A longo prazo, Abal defendeu reforzar a cooperación entre administracións para incrementar o parque público de vivenda en alugueiro e criticou que, tras máis de vinte anos sen promoción pública en Santiago, a Xunta anuncie apenas 60 vivendas. “O que é necesario é incrementar o parque de vivenda pública protexida para alugueiro”, subliñou.
A concelleira socialista mostrou tamén preocupación pola desaparición no expediente dunha medida correctora clave, relativa á colaboración coa Xunta para mobilizar vivenda baleira, e advertiu de que esta cuestión é esencial porque, segundo lembrou, “para mobilizar vivenda a prezos accesibles hai que poñer o foco na vivenda baleira”.
Neste sentido, Abal insistiu en que as solucións deben aplicarse de maneira coordinada entre administracións e sinalou que “as medidas correctoras téñenas que implantar a Xunta da man do Concello”. A concelleira socialista advertiu ademais de que a Xunta “xa tiña que estar facendo este trámite” e declarar de oficio as zonas tensionadas onde se cumpren os requisitos legais.
Finalmente, Abal subliñou o impacto real do problema e advertiu de que “quen está sufrindo as consecuencias son as veciñas e veciños de Santiago e as persoas que queren vir e non poden porque non hai vivenda”.

Publicacións Relacionadas