HomeA CoruñaO Concello de Carballo e Fundación ONCE - Inserta Emprego colaborarán para...

O Concello de Carballo e Fundación ONCE – Inserta Emprego colaborarán para fomentar o emprego das persoas con diversidade funcional

- Anuncio -spot_img

 O Concello de Carballo e Inserta Emprego, entidade da Fundación ONCE centrada na formación e o emprego das persoas con discapacidade, deron os primeiros pasos cara a próxima sinatura dun convenio de colaboración co obxectivo de fomentar a inclusión laboral das persoas con diversidade funcional no municipio.
O acordo acadouse nunha xuntanza na que participaron o alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade; a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures; a directora de Inserta Emprego Galicia, Beatriz Gallego, e o delegado da zona norte, Mauricio Martínez Balbís.
Inserta Emprego é a entidade da Fundación ONCE encargada de desenvolver programas de formación, orientación laboral e intermediación co tecido empresarial para favorecer o acceso ao mercado de traballo das persoas con discapacidade. A través da súa actividade promove oportunidades de emprego, mellora da cualificación profesional e sensibilización social sobre a importancia da inclusión laboral.
O convenio previsto co Concello de Carballo incluirá diferentes accións destinadas a mellorar a empregabilidade das persoas con diversidade funcional. Entre elas figuran programas de formación e orientación na busca de emprego dirixidos ás persoas usuarias, accións formativas para os distintos departamentos municipais co fin de reforzar a atención ás persoas con diversidade funcional e iniciativas formativas orientadas ás empresas.
Pola súa banda, o Concello colaborará coa cesión de espazos municipais para o desenvolvemento das accións formativas previstas no marco deste acordo.
Con esta iniciativa, ambas entidades reforzan o seu compromiso coa igualdade de oportunidades e coa promoción dunha sociedade máis inclusiva, na que todas as persoas poidan acceder ao emprego en condicións de igualdade.

Publicacións Relacionadas