A iniciativa desenvolverase do 12 ao 22 de marzo e permitirá ás persoas participantes optar a dúas tarxetas regalo de 100 euros
A Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR) pon en marcha unha nova campaña de promoción comercial con motivo do Día do Pai 2026, unha iniciativa destinada a dinamizar o comercio local e a incentivar as compras nos establecementos asociados. A campaña desenvolverase entre os días 12 e 22 de marzo de 2026, período no que todas as persoas consumidoras poderán participar no sorteo de dúas tarxetas regalo MOREA de 100 euros cada unha. Esta acción pretende transmitir aos consumidores un atractivo promocional que incentive a realización das compras, ofrecendo a posibilidade de acadar unha tarxeta regalo MOREA por importe de 100€.
Esta promoción está dirixida a calquera persoa física que realice unha compra ou servizo nun dos comercios adheridos durante o período de vixencia. Trátase dunha iniciativa gratuíta, aberta e orientada a reforzar o papel do comercio de proximidade como motor económico e social do municipio.
A forma de participar será a través da web www.ccamorea.es, onde as persoas interesadas deberán rexistrar o ticket da súa compra no apartado “SORTEO”, cubrindo os datos requiridos e achegando unha fotografía do comprobante. Cada ticket supón unha participación independente, polo que cantas máis compras se realicen, máis opcións haberá de resultar premiado.
O sorteo celebrarase o mércores 25 de marzo de 2026 ás 9:45 horas na sede de ACIPOR, mediante unha aplicación dixital que seleccionará aleatoriamente dúas persoas gañadoras e dúas suplentes entre todas as participacións válidas.
ACIPOR porase en contacto coas persoas premiadas a través do número de teléfono facilitado no rexistro. Unha vez comunicada a resolución, deberán confirmar a aceptación do premio e recollelo na data e lugar establecidos pola organización. Lembramos que será obligatorio recoller o premio o día que ACIPOR estableza. De non ser así, o premio quedaría anulado. Non poderán resultar gañadoras as persoas propietarias, socias, empregadas ou familiares directos dos establecementos onde se realizou a compra, tal e como establece o apartado de limitacións das bases do sorteo.
Durante a presentación da campaña, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou: “é moi
importante promover iniciativas que reforcen o comercio de proximidade e contribúan a dinamizar a economía local”. Tamén subliñou que este tipo de accións “permiten apoiar aos establecementos do municipio, fomentar o consumo responsable e recoñecer o papel fundamental que desempeñan os comerciantes na vida diaria da nosa veciñanza”. O rexedor incidiu tamén en que campañas como esta “axudan a consolidar un modelo de comercio vivo, accesible e próximo, que é unha das señas de identidade do Porriño”
Con esta campaña, O Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa dinamización do comercio local, promovendo accións que favorezan a actividade económica e reforcen a relación entre os establecementos e a súa clientela. A iniciativa súmase ás accións que, ao longo do ano, contribúen a fortalecer o tecido comercial do Porriño e a poñer en valor a importancia do consumo de proximidade.



