Lamenta o veto do PSOE no Pleno ás propostas nacionalistas de recoñecer Begoña Caamaño, SonDeSeu, AV Teis e pintor Lodeiro coas honras da cidade
Xabier P. Igrexas: “Devaluan os máximos recoñecementos do Concello aos premios anuais do gran Rei Sol, cunha visión antidemocrática que reduce a cidade á Alcaldía”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) critica o “secuestro” de Abel Caballero coa Medalla da Cidade e das Viguesas e Vigueses Distinguidos. A fronte nacionalista lamenta o “veto sectario” do PSOE a recoñecer este 2026 coas honras da cidade a Begoña Caamaño, SonDeSeu, Asociación Veciñal de Teis e pintor Lodeiro, durante o Pleno municipal celebrado este xoves.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, acusou o Goberno municipal de “devaluar os máximos recoñecementos da cidade” por considerar que “foron reducidos aos premios anuais do gran Rei Sol”, en referencia ao alcalde vigués. Así, das 23 distincións aprobadas polo Pleno, 21 eran propostas do PSOE e só 2 trasladadas polos grupos da oposición.
Denunciou a “visión profundamente antidemocráctica” do grupo socialista por “reducir a cidade á Alcaldía”. Igrexas asegurou que, con este novo veto, “demostran que seguen sen entender que Vigo é moito máis que o Goberno local”, contrapoñendo esta decisión coa “cidade plural e diversa que non cabe nas costuras estreitas da súa temporal maioría absoluta no Pleno”.
“Confuden Vigo co seu embigo”, valorou o portavoz municipal do Bloque, que volveu demandar unha reforma do regulamento de honras e distincións do Concello para “democratizar” os recoñecementos da cidade e evitar que o grupo de goberno impoña as súas propostas sen consenso.
Veto á Medalla para Begoña Caamaño
Igrexas afeou que o Goberno de Caballero impedise conceder a Medalla da Cidade a figura de Begoña Caamaño, recoñecida este ano coas Letras Galegas. “Un Goberno que se di progresista veta a unha xornalista viguesa referente incuestionábel de compromiso social, feminista e de amor por Galiza, e a unha escritora de talento excepcional”, cuestionou sobre o voto en contra do grupo socialista.
Dende a fronte nacionalista rexeitaron que en cambio se premie coa máxima distinción municipal ao empresario José García Costas, a quen sinalou polo seu “desprezo cara aos dereitos das traballadoras e traballadores”, e tamén ao colexio Carmelitas, poñendo en dúbida o apoio do PSOE ao ensino público e laico. “Non é de estrañar que Caballero presuma dun apoio maioritario dos votantes do PP e até de Vox”, ironizou.
No mesmo sentido, o portavoz municipal nacionalista interpelou ao Goberno local sobre os motivos para excluír as propostas de SonDeSeu (primeira orquestra folk galega), a Asociación Veciñal de Teis (no seu 50 aniversario) e do Xosé Lodeiro (considerado o “pintor de Vigo”) como Viguesas e Vigueses Distinguidos. “O seu problema máis unha vez é que son propostas do BNG”, retrucou. Dende o Bloque non se opuxeron ás persoas e entidades nomeadas polos socialistas para estas distincións.
O BNG defendeu no Pleno dous votos particulares para que “dar a oportunidade o Goberno de Caballero de rectificar os seus vetos coa Medalla e as Viguesas e Vigueses Distinguidos”. Porén, o grupo socialista votou en contra das propostas nacionalistas “impedindo recoñecer ás persoas e entidades que teñen méritos máis que acreditados para ser recoñecidas pola cidade”.



