O Concello recibiu á Banda de Acordeóns Metropolitana, con integrantes tomiñeses e campioa do Mundial celebrado en Francia
A música non entende de límites. O Concello de Tomiño recibiu esta semana a representantes da Banda de Acordeóns Metropolitana, recentemente gañadora do 75º Trofeo Mundial do Acordeón, celebrado en Montargis (Francia), unha competición internacional na que participaron 702 agrupacións de diferentes países.
Con tres integrantes de Tomiño, esta banda conxuga o esforzo de músicos e músicas de distintos concellos do sur de Pontevedra que xuntas e xuntos lograron situarse no máis alto dun evento de alcance internacional. Con este encontro, o Concello quixo poñer en valor o espírito colaborativo e a capacidade de compartir música que caracteriza esta formación, que conta co apoio da Asociación Cultural Son do Acordeón do Rebullón e que se converteu nun referente europeo pola súa calidade artística e pola dimensión do seu proxecto musical.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou durante a recepción que “é un orgullo comprobar como xente de diferentes municipios traballa xunta para crear unha banda que chega a un nivel internacional. Este proxecto amosa que a música pode unir comunidades e abrir portas máis alá das nosas fronteiras”.
A rexedora tamén quixo felicitar á agrupación polo seu percorrido e pola proxección que está a dar á música do acordeón e resaltou a importancia de iniciativas que fomentan este traballo colectivo. “Non se trata só de premios, senón de compartir talento, transmitir cultura e inspirar ás novas xeracións para que continúen facendo música xuntas”.
Creada no ano 2019 baixo a dirección do acordeonista Juan Bande, a Banda de Acordeóns Metropolitana deu o seu primeiro concerto tras a pandemia en maio de 2022 e, desde entón, non deixou de sumar actuacións. Na actualidade acumula máis de 60 concertos en Galicia, Asturias, Navarra e Portugal.
A formación está integrada por 45 acordeonistas e unha baterista, aos que se suma unha coral de 35 voces, o que a converte nunha das bandas de acordeón con maior número de integrantes de Europa. Este mundial súmase a outros recoñecementos acadados pola banda, como o primeiro posto no 58º Certame Nacional de Acordeón 2025 na categoría de orquestra, consolidando así a súa traxectoria como unha das formacións máis destacadas do panorama musical actual. Ademais, conta cunha sección xuvenil, Argonat Band, que tamén acadou recentemente o segundo posto na súa categoría dentro do mundial.
Con esta recepción, o Concello de Tomiño quixo recoñecer publicamente o traballo da Banda de Acordeóns Metropolitana e o papel dos músicos tomiñeses que forman parte dela, celebrando un éxito que transcende o ámbito local e que sitúa o talento galego no máis alto da escena musical internacional.



