HomePontevedraO CondadoA alcaldesa de Ponteareas participa na creación da rede de electas municipais...

A alcaldesa de Ponteareas participa na creación da rede de electas municipais de Cabo Verde

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, xunto a alcaldesas e concelleiras de concellos galegos arrouparon esta mañá a creación da Rede de Mulheres Autarcas Caboverdianas, integrada polas máis de 200 representantes municipais do arquipélago africano. O acto de constitución encadrábase nos prolegómenos do II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’, que se celebra hoxe e mañá no arquipélago lusófono, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde (ANMCV).

A presentación da rede de mandatarias locais contou coa intervención de María Rozas, edil do Concello de Santiago de Compostela e membro da Comisión Executiva do Fondo Galego, para quen esta unión “rompe o illamento que ás veces acompaña o liderado político e facilita o intercambio de boas prácticas”. Do mesmo xeito, “promover a igualdade de xénero e fortalecer o liderado das mulleres a nivel municipal son partes esencias do compromiso coa cooperación feminista e transformadora” que defende o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, afirmou.

No acto participou tamén a Rede de Mulheres Autarcas de Moçambique, que serviu de exemplo inspirador, así como representantes das Nacións Unidas en Cabo Verde, do Goberno caboverdiano, da ANMCV e da Asemblea Municipal de Praia, cidade anfitrioa.

Xa pola tarde, abriuse formalmente ‘As Elixidas’. II Encontro Internacional de Mulleres Electas Locais de Cabo Verde, Mozambique e Galicia, coa presenza da embaixadora de España no país lusófono, Ana Paredes, e do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, alén da ANMCV e da AECID. O presidente do Fondo Galego e alcalde do Concello de Nigrán, Juan González, tomou tamén a palabra para poñer en valor os vínculos entre Cabo Verde e Galicia e a cooperación directa iniciada hai máis de dúas décadas. “Cando as mulleres participan plenamente na toma de decisións, as políticas públicas enriquécense e as democracias fortalécense”, engadiu.

‘Electas no local, unha voz global’ é o lema destas xornadas, que continúan coa conferencia inaugural ‘As mulleres no poder’ a cargo da ministra de xustiza de Cabo Verde, Joana Rosa.

A seguir, desenvolveuse o panel ‘Mulleres na política local: barreiras, oportunidades e leccións aprendidas en Cabo Verde, Mozambique e Galicia’, no que intervíu a alcaldesa de Ponteareas.

O programa continuará mañá coa mesa ‘Boas prácticas municipais con enfoque de xénero. Experiencias de Cabo Verde, Mozambique e Galicia’, na que falará a rexedora de Burela e presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, entre outras sesións.

Axenda complementaria

A delegación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xa participou onte en diversas actividades que permitiron estreitar lazos cos concellos caboverdianos, tales como unha xuntanza con dirixentes da ANMCV ou a benvida ofrecida pola Câmara Municipal da Ribeira Grande de Santiago en Cidade Velha, declarada Patrimonio da Humanidade. Mañá haberá unha recepción na Embaixada Española, mentres que nos días seguintes parte do equipo do Fondo Galego ficará en Cabo Verde para supervisar os proxectos de cooperación apoiados.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 120 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 28 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

Publicacións Relacionadas