O Concello de Ponteareas vén de pechar unha nova edición de FORMATEA, a Feira das Ensinanzas, unha cita xa consolidada que reuniu nesta ocasión arredor de 500 alumnos e alumnas visitantes e 40 postos informativos de centros educativos, ciclos de formación profesional e universidades.
Durante as dúas xornadas, o alumnado puido coñecer de primeira man a ampla oferta formativa existente, resolver dúbidas e recibir orientación directa por parte do profesorado e do persoal dos diferentes centros participantes. A feira converteuse así nun espazo de encontro entre estudantes e institucións educativas que facilita a toma de decisións sobre o futuro académico e profesional.
O concelleiro de Ensino fixo un balance moi positivo desta nova edición e quixo agradecer a implicación de todas as entidades participantes. “Queremos trasladar o noso agradecemento a todos os centros educativos, universidades e entidades que participaron nesta edición de FORMATEA pola súa colaboración e por achegar ao alumnado información directa e de calidade sobre as diferentes opcións formativas”, sinalou.
O edil destacou tamén que iniciativas como esta permiten achegar a formación ao territorio, facilitando que o estudantado coñeza as distintas alternativas educativas sen ter que desprazarse e poida descubrir novas vocacións ou itinerarios profesionais.
Ademais, FORMATEA non está dirixida unicamente á mocidade. A feira tamén supón unha oportunidade para persoas adultas que desexan continuar formándose, reciclarse profesionalmente ou mesmo cambiar de rumbo laboral, coñecendo novas posibilidades educativas e de especialización.
Desde o Concello de Ponteareas sublíñase que este tipo de encontros contribúen a promover a orientación académica, fomentar a formación ao longo da vida e apoiar o desenvolvemento persoal e profesional da cidadanía. A boa acollida desta edición confirma o interese que esperta esta iniciativa e reforza o compromiso municipal de seguir impulsando espazos de información e acompañamento educativo.



