A proposta aposta por calmar o tráfico, crear novos carrís de incorporación e habilitar dous pasos peonís elevados en puntos críticos
“Fronte á parálise do goberno municipal, o BNG presenta solucións concretas para facer un concello máis seguro e mellor conectado”
Cabanas, 12 de marzo de 2026. O pleno de Cabanas aprobou por unanimidade a proposta presentada polo BNG para impulsar unha actuación integral de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada N-651 ao seu paso polo municipio. A iniciativa nacionalista recolle un conxunto de medidas concretas dirixidas a adaptar esta vía estatal á realidade urbana e periurbana de Cabanas, priorizando a seguridade da veciñanza, das persoas peregrinas e das usuarias dos equipamentos públicos situados na contorna.
A N-651 constitúe o principal eixo viario do concello, mais en determinados tramos presenta graves déficits de seguridade derivados da elevada velocidade permitida, a ausencia de carrís específicos de incorporación e saída, a falta de pasos peonís seguros e o abandono xeral do mantemento por parte do Ministerio de Transportes. Especial preocupación esperta o tramo comprendido desde a Torre de Porto até pasado o cruce co Camiño das Cádivas, onde se mantén unha limitación de 90 km/h nun ámbito con vivendas, accesos directos, tránsito peonil frecuente e cruce do Camiño Inglés.
Calmado do tráfico, novos carrís de incorporación e pasos elevados
A proposta do BNG inclúe a ampliación da limitación a 50 km/h neste tramo, a creación de carrís de incorporación específicos na contorna da Escola Laica e nos accesos aos camiños do Batán e de Feal, así como a habilitación de dous pasos peonís elevados: un no cruce co Camiño das Cádivas e o Camiño de Feal (punto especialmente perigoso onde as peregrinas cruzan tres carrís limitados actualmente a 90 km/h) e outro no entorno da Escola Laica, equipamento cultural municipal que rexistra un uso intensivo ao longo de todo o ano grazas ás iniciativas do asociacionismo veciñal.
O portavoz municipal do BNG, Iago Varela, salientou que “esta iniciativa demostra que é posible facer política útil, con propostas rigorosas e pensadas para mellorar a vida da xente”. Varela subliñou que “fronte á parálise e á falta de iniciativa do goberno municipal, o BNG presenta solucións concretas para facer un concello máis seguro e mellor conectado”.
“É necesario traballar nun modelo de concello que aposte por novas formas de mobilidade, garantindo accesos seguros a pé a equipamentos públicos, como son os espazos culturais ou as áreas recreativas e deportivas”, destacou o portavoz nacionalista.
Neste sentido, o BNG lembra tamén a situación do proxecto de humanización da N-651 ao seu paso pola avenida do Areal, unha actuación que quedara en marcha no anterior mandato e que debía supor unha mellora substancial da seguridade e da integración urbana desta vía. Segundo denuncian os nacionalistas, o actual goberno municipal dedicouse durante estes anos a boicotear e cuestionar a iniciativa até deixala completamente descafeinada, sen avances reais e sen que se materialicen as melloras previstas na principal arteria comercial da vila.
Varela destacou tamén que “estamos a falar de seguridade viaria, pero tamén de modelo de concello: de garantir accesos seguros aos equipamentos públicos, ás áreas recreativas e deportivas; de adaptar unha infraestrutura estatal á realidade territorial do noso municipio, e de protexer ás persoas peregrinas do Camiño Inglés”.
Finalmente, desde o BNG valoran moi positivamente o apoio unánime da corporación e instan agora ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel e á Demarcación de Estradas do Estado en Galiza a abrir un proceso de diálogo técnico co Concello para concretar e calendarizar as actuacións propostas, dando resposta a unha demanda histórica da veciñanza de Cabanas.
—



