HomeA CoruñaO Pavillón da Mocidade da Gándara acolle este sábado o torneo Boccia...

O Pavillón da Mocidade da Gándara acolle este sábado o torneo Boccia Cidade de Narón

- Anuncio -spot_img

Narón celebra este sábado, 14 de marzo, a partir das 9:30 horas unha nova edición do torneo Boccia Cidade de Narón, unha cita co deporte adaptado que terá lugar no Pavillón da Mocidade da Gándara. A competición está organizada pola Federación Galega de Deporte Adaptado, coa colaboración do club ADM Ferrol, a Asociación Sociocultural ASCM e o Padroado de Deportes do Concello de Narón..

O evento, presentado esta mañá polo concelleiro de Deportes de Narón, Ibán Santalla, e Paula Gárate, presidenta de ASCM, reunirá unha decena de deportistas do club ADM da comarca e de Tamiar APAMP de Vigo que practican boccia, unha disciplina paralímpica que combina estratexia, precisión e control, e que está especialmente pensada para persoas con discapacidade física severa. Santalla, destacou que “o torneo Boccia Cidade de Narón busca promover a práctica deportiva inclusiva e dar visibilidade a esta disciplina que favorece a participación e o desenvolvemento das persoas con diversidade funcional, ao tempo que contribúe á súa rehabilitación física e cognitiva”.

A boccia (birlos ou bochas) é un deporte similar á petanca no que os participantes deben lanzar bólas de cor para situalas o máis preto posible dunha bóla branca que actúa como obxectivo. Cada xogador ou equipo dispón de seis bólas por manga e o gañador é quen consegue deixar a súa máis próxima á bóla diana. Ademais, pode sumar puntos adicionais por cada bóla que quede máis cerca que a mellor do rival.

Trátase dunha disciplina incluída no programa dos Xogos Paralímpicos desde 1984 e practícana principalmente persoas en cadeira de rodas con parálise cerebral, lesión cerebral ou outras discapacidades físicas graves. As competicións estrutúranse en diferentes categorías segundo o grao de mobilidade dos deportistas para garantir igualdade nas condicións de xogo. Nesta ocasión, participarán xogadores das clases BC3 (con limitacións significativas nas función de brazos e pernas e un control do tronco deficiente ou nulo) e da clase BC4 (discapacidades non cerebrais que tamén afectan a coordinación).

Publicacións Relacionadas