HomeA CoruñaAs demolicións no antigo mercado de Santa Lucía entran na súa recta...

As demolicións no antigo mercado de Santa Lucía entran na súa recta final, con novas actuacións sobre a estrutura a partir da próxima semana

- Anuncio -spot_img

As actuacións, que se executarán cunha retroexcavadora de grandes dimensións, esixirán o corte da rúa Inés de Castro o vindeiro luns 16

A renovación do mercado de Santa Lucía, que acollerá o futuro centro de saúde da Falperra, avanza a bo ritmo e o vindeiro luns, día 16, serán visibles novas actuacións no exterior do edificio, con traballos de demolición que se executarán desde a rúa Inés de Castro.

Neste sentido, as demolicións, que entran xa na súa recta final, esixirán o corte parcial da rúa Inés de Castro o vindeiro luns 16 para facilitar as primeiras tarefas da retroexcavadora coa que traballará a empresa contratista. O corte será efectivo unicamente no treito entre Médico Durán e Doutor Fleming —vaos e garaxes seguirán tendo acceso—, xa que o sector entre Doutor Fleming e Pla y Cancela non sufrirá afectacións e estará aberto. A previsión é que o treito cortado reabra ao tráfico con total normalidade a partir do martes.

A ocupación da vía pública neste período é indispensable por dous motivos: o primeiro, polas dimensións da retroexcavadora que traballará en Santa Lucía; e o segundo, por seguridade e prevención, xa que ao distanciala o suficiente da estrutura do mercado tamén se evitan danos dos cascotes sobre a propia maquinaria.

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, subliñou a importancia desta fase de obras sobre a estrutura do antigo mercado, necesaria para abrir camiño á remodelación e modernización da instalación, que non só acollerá o centro de saúde do distrito, senón tamén un novo centro cívico e máis espazos públicos de usos múltiples.

A rehabilitación de Santa Lucía, que conta cun investimento de case 8 millóns de euros, é unha intervención clave no plan de acción impulsado por Inés Rey para desbloquear demandas históricas dos barrios da cidade.

No caso da Falperra e parte do Ensanche, a recuperación dun edificio que estaba en desuso —o antigo mercado— para dispor dunhas novas instalacións sanitarias que se axusten ao cupo de pacientes domiciliados na zona, tamén a creación de equipamentos públicos abertos ao uso de persoas de todas as idades, unha cuestión que se remonta a hai máis de 15 anos e que agora, no vixente mandato, verase cumprida.

Publicacións Relacionadas