HomeA CoruñaA Xunta inicia o plantado das máis de 1.100 árbores de especies...

A Xunta inicia o plantado das máis de 1.100 árbores de especies autóctonas que permitirán crear corredores ecolóxicos no concello de Curtis

- Anuncio -spot_img
  • Os primeiros 40 exemplares plantáronse nunha lonxitude de 84 metros dentro dunha parcela propiedade do Goberno local localizada na parroquia de Fisteus
  • O fin último é recuperar e conservar arborado e arbustos autóctonos mediante o seu plantado nos bordos de camiños de 20 fincas privadas e sete municipais resultantes do proceso de concentración parcelaria executado na zona

A Xunta de Galicia iniciou hoxe o plantado das máis de 1.100 árbores de 47 especies autóctonas que se van utilizar para crear corredores ecolóxicos na parroquia de Fisteus, a de maior tamaño do concello coruñés de Curtis, ao abeiro da actividade A Liga das Sebes. O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, participou nun obradoiro práctico dirixido á veciñanza que se inscribiu nesta iniciativa e que consistiu no plantado de 40 árbores (abruñeiros, estripeiros, pereiras bravas, sanguiños, bidueiros, freixos e abeleiras) nunha lonxitude de 84 metros dentro dunha parcela propiedade do Concello de Curtis.

As restantes 1.075 árbores entregaranse ás persoas participantes nesta liga -que se realiza na zona de concentración parcelaria (ZCP) de Fisteus, a que está considerada como a maior reestruturación parcelaria da historia de Galicia- para que as planten nas súas fincas e contribúan a crear zonas verdes que protexen os cultivos e os solos da erosión e serven de refuxio para a fauna, favorecendo a biodiversidade.

A Liga das Sebes é unha das boas prácticas que se están a replicar ao abeiro do proxecto piloto Infraestrutura Verde na Paisaxe (Green InfrasTREEcture in the Landscape), acción promovida polo Executivo galego no marco do proxecto europeo Infraestrutura Verde para Bosques e Árbores (GIFT, polas súas siglas en inglés).

O fin último é contribuír á recuperación e conservación das sebes autóctonas, unha estrutura vexetal tradicional da paisaxe agraria galega, mediante o plantado desas máis de 1.100 árbores nos bordos de camiños de 20 fincas privadas e sete municipais desta ZCP. De feito, os participantes son persoas titulares de predios de substitución que colaborarán na restauración de corredores ecolóxicos nos bordos deses camiños de nova execución froito da reestruturación parcelaria.

Os participantes, ademais das plantas autóctonas, reciben material de apoio (estacas ou proteccións básicas se fose preciso) e asesoramento técnico individualizado co fin de poñer en marcha actuacións baseadas na boa práctica Árbores para todos, promovida polo Goberno provincial de Fryslân (Países Baixos), membro do GIFT que tamén apoia a Galicia no desenvolvemento desta iniciativa.

As persoas inscritas deben plantar e manter as sebes durante un período mínimo de cinco anos desde a súa entrega, facilitar o seguimento técnico por parte da organización e/ou unidade administrativa responsable e compartir imaxes e descricións das súas intervencións para poder facer un seguimento da súa evolución.

As mellores actuacións contarán cun recoñecemento ás boas prácticas ambientais e paisaxísticas na conservación e coidado das sebes. Para a súa concesión teranse en conta aspectos como o valor estético, a integración paisaxística, a diversidade das especies, a funcionalidade e conectividade ecolóxica, o deseño ou a xestión creativa e consistirán na entrega dun distintivo simbólico que non terá contido económico.

Iniciativa europea

A finalidade principal do programa GIFT é fomentar a política de cohesión, facilitando o intercambio de experiencias e coñecementos de éxito no eido das zonas verdes, centradas en bosques e árbores, a transferencia de boas prácticas e a aprendizaxe entre os socios desta iniciativa europea.

Impulsado no marco do programa Interreg Europe-Feder e cun orzamento de máis de 2 millóns de euros tras a aprobación de distintas accións piloto -o 80% procedente de Fondos Feder e o 20% restante da Xunta-, este proxecto incide nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga e a erosión, entre outros.

Nesta iniciativa, que lidera o IET, participan nove entidades máis de países e rexións da Unión Europea: o Goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña), o Instituto Forestal Esloveno e o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (tamén en Eslovenia), a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb (Croacia).

Publicacións Relacionadas