• A inauguración terá lugar mañá, venres 6 de marzo, ás 20.00 horas, e contará cunha actuación musical a cargo de Glauka e Tato
• A mostra estará visible durante os meses de marzo e abril
A Casa da Cultura Raquel Fernández Soler acollerá mañá, venres 6 de marzo, ás 20.00 horas, a inauguración da exposición de tallas e pinturas do veciño da Pobra do Caramiñal Demetrio Bermo, un dos referentes da artesanía galega contemporánea.
O acto contará tamén cunha actuación musical a cargo de Glauka e Tato, que se encargarán de amenizar esta apertura.
Con máis de 70 anos de traxectoria como deseñador, ebanista e tallista, Demetrio Bermo é autor de numerosas obras sacras e de mobiliario artístico que o sitúan como unha figura destacada da artesanía galega. Entre as súas creacións máis recoñecidas atópanse retablos como o dedicado a Santa Rita na igrexa do Caramiñal, o da Virxe da Mercé na capela de Postmarcos ou o peto esmoleiro dedicado a San Roque que doou ao Museo Valle-Inclán.
A exposición permitirá ao público achegarse a unha selección das súas tallas e pinturas, nas que se reflicte a precisión artística que o caracteriza.
A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, animou á veciñanza a achegarse a contemplar esta mostra, que estará dispoñible nos meses de marzo e abril, e gozar “dun conxunto de pezas realizadas por un artista cunha ampla traxectoria e cun importante legado artístico no noso municipio”.
A presentación correrá a cargo de Manuel Teira, encargado de realizar o texto do programa.



