HomeOurenseO Concello organiza Concilia Semana Santa 2026, con actividades para escolares na...

O Concello organiza Concilia Semana Santa 2026, con actividades para escolares na Aula da Natureza, Escola de Música e asociacións veciñais

- Anuncio -spot_img

As inscricións realizaranse en liña desde o 17 ao 24 de marzo

A Concellería de Educación do Concello de Ourense organiza unha nova edición do programa Concilia Semana Santa, que ofertará actividades de lecer para nenos e nenas da cidade ao tempo que axudará á conciliación das familias. Desenvolverase na Aula da Natureza de Oira, no anexo da Escola Municipal de Música e, como novidade este ano, nos locais de varias asociacións veciñais da periferia, durante os días non lectivos: 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril, desde as 9.00 ata as 14.00 horas.

Concilia Semana Santa é unha programación de actividades que buscan fomentar a socialización, promover actitudes solidarias e de convivencia e incentivar o traballo cooperativo e o respecto polo medio ambiente, a informática, a educación artística e a psicomotricidade.

A inscrición realizarase exclusivamente en liña a través da web ou da aplicación do Concello. O prazo abrirase o martes, 17 de marzo ás 10.00 horas, e rematará o 24 de marzo ás 8.30 horas. É requisito imprescindible que o alumnado e, polo menos, un dos titores estean empadroados en Ourense.

As actividades no anexo da Escola de Música serán para nenos nados entre 2020 e 2022 (Educación Infantil), e na Aula da Natureza para nados entre 2014 e 2019 (Educación Primaria), cun custo de 10 euros (os irmáns a metade, 5 euros). A actividade nos locais das asociacións veciñais, Concilia Arredor é gratuíta, dirixida a menores nados entre 2014 e 2020 e realizarase en Castro de Beiro (o 30 de marzo), Seixalbo (o 31), Santa Mariña (o 1 de abril) e Santa Cruz (o día 6).

Publicacións Relacionadas