– “Non se vai permitir que se incumpra a normativa urbanística. Desde o primeiro momento este goberno municipal tomou as medidas legais oportunas, e xa é a segunda vez que esta empresa incumpre a normativa urbanística” explica a alcaldesa , Digna Rivas.
O Goberno municipal de Redondela suspende, por segunda vez, de forma inmediata e como medida cautelar as obras situadas no Camiño da Lagoa no barrio da Millarada na parroquia de Vilar de Infesta. Esta suspensión é debido aos movementos de terra mediante o recheo de parte da parcela con terra vexetal e xabre nunha superficie total duns 400m2. e os amoreamentos de terras vexetais e xabre na parte alta da parcela nunha superficie duns 50 m² mediante 3 montículos dunha altura aproximada duns 2,50 m² cada un. Estes feitos poden ser constitutivos de infracción urbanística. Tamén desde a administración municipal ordenase a retirada de materiais e maquinaria empregados na execución das obras coa finalidade de garantir a total interrupción da actividade construtiva.
A concellería de Urbanismo advirte que de non paralizar as obras no prazo de vinte e catro horas seguintes á notificación da presente, hoxe venres, poderase proceder polo Concello de Redondela ao precintado das obras, á retirada de materiais e maquinaria, á suspensión de subministracións ou á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas por importe de 1.000 a 10.000 euros, reiterables ata acadar o cumprimento da orde de paralización, e calquera outra medida que sexa conveniente en prol da efectividade da suspensión. O incumprimento da orde de suspensión poderá dar lugar a que se poña en coñecemento do Ministerio Fiscal para a depuración das responsabilidades penais a que puider dar lugar. A maiores o vixilante de obras procederá á vixilancia periódica do cumprimento da orde de paralización das obras.
A alcaldesa , Digna Rivas , explica que “non se vai permitir que se incumpra a normativa urbanística. Desde o primeiro momento este goberno municipal tomou as medidas oportunas, e xa é a segunda vez que incumpren a legalidade”
Estas obras no barrio da Millarada xa foron paradas no mes de agosto do ano 2025 polos movementos de terra en parte da parcela, sendo así a segunda vez que a empresa incumpre a legalidade urbanística.



