A iniciativa, impulsada pola Fundación Érguete-Integración coa colaboración do Concello de Salvaterra de Miño, realízase ao abeiro do programa Emprego Inclusivo, promovido pola Deputación de Pontevedra
A partir do mes de maio, a Fundación Érguete-Integración, en colaboración co Concello de Salvaterra de Miño, pon en marcha o curso `Auxiliar de almacén e atención ao público´, que contará con 190 horas de formación, das que 80 se corresponden con prácticas en empresas.
O curso desenvolverase entre o 5 de maio e o 30 de xuño na Aula de Capacitación Dixital da Casa Cultura de Salvaterra de Miño (Rúa Raíña Dona Urraca, nº 12), en horario de 09:00 a 14:00 horas.
Ademais das competencias técnicas específicas de almacenaxe e atención ao público, o programa formativo inclúe módulos de manipulación de alimentos e manexo de carretilla elevadora, así como prácticas non laborais en empresas. A formación incorpora tamén sesións para traballar habilidades transversais para o emprego e a igualdade de oportunidades e un taller sobre emprendemento. Así mesmo, o alumnado terá a posibilidade de recibir orientación laboral e crear un itinerario personalizado de inserción coa guía das profesionais da Fundación Érguete-Integración.
As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información ou preinscribirse a través do teléfono da Fundación Érguete-Integración (986 253 176),do Concello de Salvaterra(617 189 167), ou no enderezo electrónico incorpora@fundacionerguete.org.
Emprego Inclusivo, un programa para favorecer a inserción laboral
Esta formación realízase ao abeiro do programa Emprego Inclusivo, promovido pola Deputación de Pontevedra en diferentes municipios da provincia, e diríxese a persoas demandantes de emprego ou que desexen mellorar a súa situación laboral. Nesta ocasión, ademais, terán preferencia á hora de realizar a selección de participantes aquelas persoas que se atopen empadroadas no concello de Salvaterra e estean percibindo unha prestación social ou conten cun expediente aberto en servizos sociais.
O obxectivo principal do programa Emprego Inclusivo é mellorar a empregabilidade das persoas que se atopan en risco ou situación de exclusión social, facilitando a súa incorporación ao mercado de traballo a través do desenvolvemento das competencias laborais e persoais e do seu apoderamento.



