HomeOurenseA LimiaLuis Menor destaca na visita á residencia de maiores de Trasmiras o...

Luis Menor destaca na visita á residencia de maiores de Trasmiras o compromiso da Deputación e Xunta para unha atención digna e de calidade

- Anuncio -spot_img

Luis Menor e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, xunto ao alcalde Emilio Pazos, visitaron as obras da futura residencia de maiores, que contará con 60 prazas residenciais e 20 de centro de día

Esta nova infraestrutura social suporá un investimento total de 3 millóns de euros, dos que 1,2 millóns son achegados pola Xunta; 250.000 euros pola Deputación e 1,5 millóns de investimento privado

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e a conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Fabiola García, acompañados polo alcalde Emilio Pazos, visitaron as obras da futura residencia de maiores de Trasmiras, unha infraestrutura que permitirá ampliar a rede de servizos asistenciais na provincia e ofrecer atención de proximidade ás persoas maiores do municipio e da contorna.

Durante a visita, Menor destacou que actuacións como esta son “un exemplo claro de cooperación entre administracións para resolver un dos retos máis importantes do noso tempo: garantir unha atención digna e de calidade ás persoas maiores”. O presidente provincial subliñou que a colaboración institucional permite converter en realidade proxectos fundamentais para o territorio, especialmente nunha provincia marcada polo envellecemento da poboación e pola dispersión xeográfica.

A residencia de Trasmiras supón un investimento total de 3 millóns de euros, dos que 1,2 millóns son achegados pola Xunta de Galicia, 250.000 euros pola Deputación de Ourense e 1,5 millóns de investimento privado.

O centro contará con 60 prazas residenciais e outras 20 de centro de día, ademais de xerar 24 postos de traballo, contribuíndo así non só á mellora dos servizos sociais, senón tamén á dinamización económica do municipio.

Segundo explicou Menor, estes equipamentos cumpren unha dobre función: por unha banda, ofrecen servizos de proximidade e de calidade para a veciñanza, e por outra contribúen a crear emprego e a fixar poboación no territorio, algo especialmente relevante nunha provincia como Ourense.

O presidente provincial tamén puxo en valor o plan de investimentos impulsado pola Xunta de Galicia para reforzar a rede de atención a maiores, no que participa activamente a Deputación de Ourense, lembrando que se trata dun esforzo conxunto que permitirá crear ou mellorar prazas asistenciais en diferentes puntos da provincia.

Neste sentido, Menor destacou que Ourense é a provincia que recibe unha parte moi relevante destes investimentos en infraestruturas sociais -12 millóns de euros, é dicir, o 65 % dun investimento total de 18,5 millóns en Galicia-, o que permitirá avanzar na mellora da calidade de vida das persoas maiores e das súas familias.

Preferencia para a veciñanza local

A nova residencia de Trasmiras sitúase nunha parcela xa reservada para este uso no planeamento municipal e estará integrada na zona urbana do municipio, con acceso a espazos verdes. Ademais, segundo o regulamento de funcionamento do centro, a veciñanza de Trasmiras terá preferencia á hora de optar a unha praza, reforzando así o carácter de servizo de proximidade desta infraestrutura.

Menor concluíu destacando que investir en servizos sociais “é tamén investir no futuro do rural”, xa que permite ofrecer máis apoio ás familias, garantir unha mellor atención ás persoas maiores e fortalecer a cohesión territorial da provincia.

Publicacións Relacionadas