HomeA CoruñaA CoruñaO Concello axudou a recuperar 155.000 euros para os cidadáns mediante as...

O Concello axudou a recuperar 155.000 euros para os cidadáns mediante as xestións da OMIC

- Anuncio -spot_img

A oficina municipal atendeu máis de 10.600 consultas e tramitou 974 reclamacións, consolidándose como servizo público de referencia

Máxima participación nos programas educativos e nas iniciativas de economía circular, con máis de 2.400 estudantes no primeiro trimestre do curso escolar 2025/2026 e máis de 10.000 xoguetes xestionados na Casa dos Xoguetes

Con motivo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras, que se celebrou o 15 de marzo, o Concello presentou o balance anual da actividade da Oficina Municipal de Información ás Persoas Consumidoras (OMIC) correspondente ao ano 2025, no que se observa un aumento significativo da demanda e do uso dos servizos municipais de protección ao consumidor.

Ao longo do ano 2025 a OMIC tramitou 974 reclamacións, o que supón un incremento do 20,69% respecto ao ano anterior. Ademais, atendéronse 10.640 consultas, un 4,11% máis que en 2024, reforzando o papel da oficina como primeira vía de orientación e defensa dos dereitos das persoas consumidoras.
“É fundamental ter un servizo de asistencia ao consumidor forte que sirva para protexer á veciñanza fronte a posibles abusos que poidan sufrir. Os dereitos da cidadanía son unha prioridade para o goberno local e por iso apostamos por manter uns servizos municipais fortes neste ámbito”, subliñou a alcaldesa Inés Rey.

Os sectores que concentraron un maior número de incidencias foron electricidade, comercio electrónico, servizos profesionais, telecomunicacións e produtos electrónicos, ámbitos nos que a cidadanía continúa demandando máis información e acompañamento.

Durante o exercicio realizáronse 908 mediacións, das cales 473 concluíron en acordo, un 52% do total. Grazas a este labor, o Concello conseguiu a devolución de 154.806,17 euros a favor das persoas usuarias, unha conta que pon de manifesto a eficacia da mediación como ferramenta rápida e útil para resolver conflitos de consumo sen necesidade de recorrer a vías máis complexas.

A atención segue a ser maioritariamente presencial, con máis de 4.300 consultas, mentres que o teléfono e o correo electrónico manteñen unha elevada demanda. Ademais, preto de un terzo das reclamacións xa se presentan por rexistro telemático, reflectando a incorporación progresiva de canles dixitais máis cómodas e accesibles para a cidadanía.

Educación para o consumo: máis de 2.400 estudantes participantes

O programa de Educación para o Consumo do Concello, integrado en Coruña Educa, retomouse con forza no primeiro trimestre do curso 2025/2026, último trimestre do ano 2025.

A reactivación do programa veu acompañada dunha altísima demanda por parte dos centros escolares, que solicitaron estas actividades de forma masiva en canto abriu a convocatoria.

Durante o período executado (outubro–decembro 2025), impartironse:
– 108 talleres educativos
– 2.444 estudantes participantes en Infantil, Primaria, ESO, FP e Educación Especial
As temáticas abordaron alimentación e etiquetaxe, publicidade e análise crítica, seguridade dos produtos, economía circular e consumo responsable. As valoracións do profesorado e do alumnado, recollidas a través das enquisas cubertas ao remate das actividades, foron moi positivas, destacando:
– Calidade pedagóxica dos contidos
– Formato práctico e adaptado a cada etapa
– Utilidade real dos talleres para comprender mellor o consumo responsable
– Alto grao de satisfacción do alumnado

Visitas educativas aos mercados municipais: o programa máis demandado

O Concello destaca especialmente o éxito das visitas educativas aos mercados municipais, unha das accións mellor valoradas polos equipos docentes, con 23 visitas realizadas e 477 estudantes participantes.

Estas visitas convertéronse nun dos programas máis solicitados por parte dos centros, chegando a superar amplamente a dispoñibilidade prevista. A elevada demanda obrigou a crear listas de agarda, xa que numerosos colexios solicitaron participar e o número de prazas ofertadas non puido cubrir todas as peticións.

O profesorado destacou o alto valor pedagóxico da actividade, que permite ao alumnado aprender sobre produto local, alimentación saudable, comercio de proximidade, sustentabilidade e consumo consciente de forma práctica, directa e vivencial e unha aposta, tamén, pola dinamización dos mercados municipais e do comercio de proximidade na cidade. A resposta dos centros a través de enquisas confirma que este programa vaise a converter nun dos grandes referentes educativos do Concello e unha liña a reforzar nos próximos anos.

Ademais, coa campaña específica polo 15 de marzo de 2025, a oficina achegou os dereitos das persoas consumidoras a más de 700 nenos e nenas de Infantil e Primaria a través de 30 obradoiros.

A Casa dos Xoguetes: un referente en economía circular

A iniciativa municipal da Casa dos Xoguetes 2025/26 volveu demostrar o seu forte impacto social e ambiental e unha enorme acollida por parte da cidadanía cada vez mais concienciada na importancia da responsabilidade no consumo e na economía circular:
– 10.112 xoguetes recibidos
– 5.517 recuperados para reutilización
– 4.595 reciclado
– 4.242 intercambiados mediante cupóns
– 922 xoguetes doados a entidades sociais

Ademais, 117 menores participaron nos talleres de Nadal vinculados á campaña.

Compromiso municipal co consumo responsable

O Concello destaca que estes resultados reforzan o compromiso da cidade cun modelo de consumo máis seguro, responsable e sostible, e subliña a importancia de seguir fortalecendo os recursos da OMIC nun escenario de crecente complexidade e demanda.
O goberno local continuará traballando en 2026 para garantir a protección efectiva das persoas consumidoras, promover a mediación como vía eficaz de resolución de conflitos e fomentar hábitos de consumo crítico e consciente desde as primeiras idades.

Publicacións Relacionadas