O mercado municipal de Carballo segue a consolidarse como o referente do comercio de proximidade na comarca. Co gallo do Día Mundial das Persoas Consumidoras, que se celebra o 15 de marzo, a praza de abastos acolleu hoxe o sorteo de dez carriños da compra, unha iniciativa deseñada para incentivar o consumo responsable e agradecer a confianza da clientela que aposta polo produto fresco e o trato personalizado.
Ao acto asistiron o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela. Ángeles Bello, presidenta da asociación A Praza, exerceu como man inocente, co apoio de Jorge Brandón.
Os dez afortunados e afortunadas que desde hoxe poden pasar recoller o seu novo aliado para facer as súas compras son: Jesús Lourido Martínez, Ana Pena Pombo, María Fernández Gerpe, Celia Loureiro Andrade, Carmen Andrade Facal, Manuel Varela, Carmen Mato Torres, Valentina Iglesias Fidalgo, Carmen Calvo Lema e María Luisa García Muiño.
Unha estratexia de dinamización constante
O sorteo de hoxe non é un feito illado, senón que forma parte do calendario anual de dinamización do mercado. O obxectivo do Concello e dos propios praceiros é reforzar o papel da praza como un espazo de encontro vivo e sustentable. Mercar no mercado non só garante a calidade de “quilómetro cero”, senón que supón un acto de responsabilidade ambiental ao reducir o uso de envases e apoiar a economía das familias da zona.
Desde o Concello e a Asociación A Praza agradecemos a excelente acollida da campaña, que encheu a urna de papeletas para o sorteo, e lembramos que mercar no mercado municipal é a mellor forma de garantir un consumo consciente e de calidade durante todo o ano.



