Esta acción, “Rutas que rexeneran”, está desenvolvida pola institución provincial a través do Inorde, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia
O primeiro dos roteiros terá lugar o xoves 19 de marzo en Vilamartín de Valdeorras, e o segundo o sábado 21 nos concellos de Petín e A Rúa
A Deputación de Ourense, a través do Inorde, aposta pola rexeneración do patrimonio inmaterial a través de roteiros, sendeiros e actividades guiadas no Xeodestino Trevinca-Valdeorras. Así, a acción comeza esta semana con dous roteiros históricos, o primeiro terá lugar o xoves 19 en Vilamartín de Valdeorras e o segundo o sábado 21 nos concellos de Petín e A Rúa. O calendario completo contempla actividades para os meses de marzo, abril e maio.
“Rutas que rexeneran” nace baixo o selo do Xeodestino Trevinca-Valdeorras como unha iniciativa desenvolta pola Deputación, a través do Instituto Galego de Desenvolvemento Ourensán, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia. Xorde como unha iniciativa promocional que convida a redescubrir Ourense a través de experiencias que combinan natureza, gastronomía, cultura e sostibilidade. Non son simples percorridos pola paisaxe, senón camiños con alma: itinerarios que contan historias, transmiten valores e deixan pegada nas persoas, convertendo cada ruta nunha experiencia única e transformadora.
As diferentes actividades deseñadas desenvolveránse nos próximos tres meses, entre marzo e maio, na contorna dos nove concellos que integran o Xeodestino Trevinca-Valdeorras: Vilamartín de Valdeorras, O Bolo, Rubía, Petín, O Barco de Valdeorras, Larouco, A Veiga, A Rúa e Carballeda de Valdeorras.
As rutas propostas permitirán descubrir diferentes paisaxes, recursos naturais e elementos patrimoniais do territorio a través de experiencias guiadas pensadas para todos os públicos. Entre elas atópanse a ruta polo Parque Natural Serra da Enciña da Lastra, entre Biobra e Porto, no concello de Rubiá, que inclúe unha cata de meles en O Marquesado (11 de abril); a ruta “Sendeiros Naturais” na Veiga (26 de abril); a ruta de Tuxe a As Ermidas no concello do Bolo (25 de abril); a visita interpretativa ao Castrillón en Larouco con cata e picnic (19 de abril); a ruta do río Galir con cata en Adegas Roandi no Barco de Valdeorras (30 de maio); e unha proposta para coñecer a riqueza natural e paisaxística de Carballeda de Valdeorras (23 de maio). As rutas teñen un coste fixo de 5€, sendo gratuitas para ás persoas aloxadas aloxadas nun aloxamento do Xeodestino Trevinca-Valdeorras.
O programa arrinca xa a finais desta semana con dúas primeiras citas que abrirán o calendario de actividades. A primeira delas terá lugar o 19 de marzo en Vilamartín de Valdeorras, coa ruta pola antiga mina de ouro das Barreiras de Córgomo, baixo o título “Onde a Terra se fixo Ouro”. Esta actividade, que se desenvolverá entre as 10.30 e as 13.30 horas, permitirá descubrir a historia mineira da zona e comprender como a explotación do ouro marcou o territorio e a vida das súas xentes.
Dous días despois, o 21 de marzo, terá lugar a segunda das rutas inaugurais: “A voltas co foro romano e outras historias”, un percorrido interpretativo polos concellos de Petín e A Rúa que se celebrará entre as 16.30 e as 19.00 horas. A actividade permitirá achegarse ao pasado romano da comarca e coñecer episodios históricos, curiosidades e elementos patrimoniais que forman parte da identidade do territorio.
O calendario completo e os detalles de cada un dos itinerarios propósitos (horario de inicio, punto de encontro, dificultade da andaina) poden consultarse na web rutasquexeneran.gal e conocegalicia.es.



