O alcalde, José Manuel Alfonso, e o concelleiro de Cultura, Víctor Manuel Rodríguez, presentaron o completo programa da feira no Centro Galego da capital portuguesa
A XXXIII Feira do Requeixo e Mel das Neves, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, vén de dar un paso máis na súa proxección exterior coa presentación oficial en Lisboa. O acto celebrouse no Centro Galego da capital portuguesa, un lugar intimamente vencellado a persoeiros como Ramiro Vidal Carrera (nacido na Carrasqueira de Taboexa, As Neves, no ano 1887), quen emigraría aos 13 anos, e dedicaría a súa vida á restauración e á hostalaria. Foi tamén cronista de distintos xornais, político e cofundador da “Xuventude de Galicia” en Lisboa no ano 1908.
A cita, que serviu para enxalzar internacionalmente este evento gastronómico e cultural de referencia nas Neves, reuniu a representantes institucionais, membros da colectividade galega en Portugal, entidades colaboradoras e público interesado en coñecer de primeira man unha festa que cada ano atrae a milleiros de visitantes ás Neves arredor dun produto tradicional e identitario como é o requeixo, acompañado do mel galego.
Durante o acto, ao que asisitiron o alcalde, José Manuel Alfonso, e o concelleiro responsable da área de Cultura, Víctor Manuel Rodírguez, realizouse unha presentación oficial e a degustación dos produtos protagonistas da feira, permitindo aos asistentes descubrir a calidade e autenticidade dun evento que combina gastronomía, tradición e dinamización turística do territorio.
Esta presentación en Lisboa enmárcase na aposta do Concello das Neves por reforzar a visibilidade exterior da feira e posicionar o municipio como destino gastronómico e cultural, estreitando ademais os vínculos coa comunidade galega no exterior e abrindo novas oportunidades de promoción turística.
Desde o Concello destacouse que a Feira do Requeixo e Mel constitúe unha ferramenta clave para a promoción económica e cultural do municipio, contribuíndo á valorización dos produtos locais e á dinamización do comercio e da hostalaría.
A Feira do Requeixo e Mel consolídase edición tras edición como unha das celebracións máis representativas da comarca, promovendo produtos de calidade e apoiando o tecido produtor local, ao tempo que dinamiza a economía e reforza a identidade cultural do territorio.
Un programa completo de actividades
Esta edición número 33 da feira contará cun amplo programa de actividades que se desenvolverá desde o 21 de marzo ata o 4 de abril, combinando propostas gastronómicas, culturais, musicais e familiares. Así, entre as actividades previstas destacan showcookings e degustacións, andainas temáticas, catas de produtos galegos, xornadas divulgativas e actuacións musicais, así como actividades infantís e animación nas rúas, configurando unha programación pensada para todos os públicos.
O evento culminará os días centrais da feira (3 e 4 de abril) cunha intensa programación, que incluirá actuacións musicais, animación tradicional, exposicións e propostas culturais que converterán novamente As Neves nun punto de encontro arredor da gastronomía e da tradición.
Con esta presentación internacional, o Concello das Neves continúa a traballar para consolidar a Feira do Requeixo e Mel como un evento de referencia dentro do calendario festivo galego e como un escaparate privilexiado para a promoción dos produtos locais e do patrimonio cultural do municipio.
Unha campioa como pregoeira
Teresa Portela, unha das grandes figuras do deporte galego e o olimpismo internacional, será a pregoeira da XXXIII Feira do Requeixo e Mel das Neves. A lectura do pregón terá lugar o venres 3 de abril, ás 13:00 horas, coincidindo coa xornada central da Feira, que reunirá gastronomía, música, tradición e actividades para todos os públicos arredor dos dous produtos máis representativos da identidade local.
Portela, que ostenta o fito deportivo de converterse na primeira deportista española en competir en sete Xogos Olímpicos consecutivos, e acumula un impresionante palmarés na súa dilatada carreira, está considerada ademais un exemplo pola súa capacidade de superación, de compromiso e de conciliación da súa faceta deportiva e tamén familiar.
Actividades e contidos para todos os públicos
O programa da XXXIII Feira do Requeixo e Mel foi deseñado para combinar tradición, cultura, deporte e gastronomía durante dúas semanas de actividades previas e festivas:
Sábado 21 de marzo: I Memorial Manuel Guitián de bádminton no pavillón municipal
Domingo 22: Andaina ‘Mitos e crenzas do Termes’
Venres 27: Showcooking con degustación no mercado municipal
Sábado 28: Andaina do Requeixo e unha xornada sobre os retos da artesanía alimentaria galega con cata de produtos no mercado municipal
Domingo 29: Ofrenda floral das Mulleres do Requeixo
Luns 30: III Xornada sobre a vespa velutina
Martes 31: Cata de meles de Galicia e a degustación ‘Sabores con marxem’
Venres 3 de abril: Pasarrúas, Pregón (13:00h), actuacións musicais, animación infantil e verbena coa Orquestra Panama Band
Sábado 4: Apertura da III Exposición da Camelia, actuación musical, III Certamen de música tradicional transfronteiriza, inchables para os máis pequenos e verbena coa Orquestra Charlestone Big Band
O Concello das Neves convida á veciñanza e visitantes a participar nesta nova edición dunha festa que combina tradición, sabor e convivencia, e que cada ano continúa medrando en participación e relevancia.



