HomePontevedraO CondadoMáis de 150 mozas e mozos participaron nos obradoiros do Talento Xove

Máis de 150 mozas e mozos participaron nos obradoiros do Talento Xove

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas entregou os diplomas ás persoas participantes no obradoiro de fotografía organizado ao abeiro da iniciativa Talento Xove, un programa impulsado pola Concellería de Xuventude para fomentar a creatividade e a formación artística entre a mocidade. O curso foi impartido pola directora de cine Ana Grigore e polo fotógrafo Raúl Pérez.

Esta actividade forma parte do calendario de obradoiros formativos que a Concellería de Xuventude programa ao longo do ano arredor das distintas disciplinas incluídas no certame Talento Xove, que neste 2026 encara xa a súa terceira edición. Na segunda edición do concurso rexistrouse unha participación de máis de 500 mozas e mozos.

Durante este ano máis de 150 participantes tomaron parte nos diferentes obradoiros organizados, que abrangueron disciplinas como a escrita, o teatro, o deseño de xoias, a cociña ou a formación como DJ, entre outras propostas orientadas a impulsar o talento creativo da xuventude.

Todos estes obradoiros están impartidos por profesionais recoñecidos nas súas respectivas disciplinas, coa intención de ofrecer unha formación de calidade á mocidade sen necesidade de saír de Ponteareas e facilitar así o acceso a aprendizaxes especializadas no propio municipio.

Precisamente este venres, día 20, as persoas participantes no taller de DJ realizarán unha das súas sesións prácticas na discoteca Lux de Ponteareas, nunha actividade que lles permitirá aplicar nun contexto real os coñecementos adquiridos durante o curso. Nos vindeiros días a concellería programará o taller de danza moderna.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou que “o obxectivo de Talento Xove é ofrecer unha plataforma de lanzamento para a mocidade, visibilizar o talento local e ir incorporando cada ano novas formacións que permitan elevar o nivel de coñecementos e habilidades da nosa xuventude”.

O certame Talento Xove conta ademais, en cada unha das súas finais, cun xurado de recoñecido prestixio e traxectoria profesional, garantindo así a calidade e o rigor na avaliación das propostas presentadas.

Patinaxe artístico, interpretación, deseño de xoiais, Dj, poesía, novela, artes plásticas, cómic, cociña, fotografía, música, arte urbano, danza moderna e moda son as disciplinas que ofrece o Talento Xove e nas que a xuventude pode inscribirse para concursar.

Publicacións Relacionadas