O vindeiro sábado 21 Ismael González García falará de hormonas femininas e regulación do metabolismo ás 12.00 horas no Centro Social Polivalente
Comprender o que lle pasa ao noso corpo é tamén unha forma de coidarnos mellor. O Rosal continúa apostando por achegar á veciñanza ferramentas útiles para o benestar cunha nova cita coa súa Escola da Saúde, unha iniciativa pioneira que trae esta semana un novo encontro aberto a toda a veciñanza.
Nesta ocasión, e enmarcado dentro da programación do 8M, o experto Ismael González García abordará unha temática clave para o día a día de moitas mulleres: o papel das hormonas femininas e a regulación do metabolismo, cun enfoque especial na menopausia, os mecanismos de fame e saciedade e a regulación do peso corporal. A sesión será este sábado 21 de marzo ás 12.00 horas no Centro Social Polivalente, con entrada de balde ata completar aforo.
A Escola da Saúde consolídase así como un espazo de divulgación e aprendizaxe no que se tratan cuestións que forman parte da vida cotiá, ofrecendo información rigorosa e accesible que permite tomar decisións máis conscientes sobre a propia saúde. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “con esta iniciativa queremos achegar coñecemento útil e práctico á veciñanza, falando de temas que nos afectan no día a día e que moitas veces descoñecemos ou non sabemos como abordar”.
A rexedora puxo o foco na importancia de falar abertamente de cuestións como a menopausia, “temas que durante moito tempo foron invisibilizados, especialmente todos aqueles relacionados coa saúde das mulleres. Crear espazos onde se poidan tratar con naturalidade, rigor e acompañamento é fundamental para mellorar a calidade de vida”.
Con esta nova sesión, o Concello do Rosal continúa reforzando o seu compromiso cunha saúde pública máis próxima, participativa e centrada nas persoas, convertendo a información e a formación en aliados clave para o benestar colectivo.



