- Os traballos, que sirven para reparar estas superficies, moi deterioriadas polos temporais do inverno, comezaron na Tafona e continuarán nas áreas situadas en Juan Fuentes, Porto do Río e Padres Pasionistas
- O alcalde, Jacobo Pérez, salienta a batería de actuacións que se están a realizar no núcleo da vila termal, que inclúen o arranxo de alcorques, a reparación de beirrarúas e a limpeza de rúas con hidrolavadoras
O Concello de Caldas de Reis vén de iniciar estes días os traballos de mantemento e posta a punto das zonas de estacionamento próximas ao casco urbano. Trátase dunha actuación que servirá para ter nas mellores condicións máis de 1.800 prazas para vehículos. O alcalde, Jacobo Pérez, explicou que as primeiras tarefas estanse a desenvolver na explanada da Tafona, que foi unha das máis castigadas polos temporais rexistrados ao longo de todo o inverno. A superficie presentaba un estado moi deteriorado, situación que se está arranxando co uso de maquinaria especializada.
Unha vez rematen os labores na Tafona, os operarios trasladaranse aos aparcadoiros disuasorios situados nas rúas Juan Fuentes, Rodo do Río e Padres Pasionistas. Tal e como recorda o alcalde, estes espazos son moi utilizados tanto pola veciñanza como polas persoas que se achegan ata Caldas de Reis para facer diferentes xestións, compras ou para pasar tempo de lecer. “Estas 1.800 prazas de estacionamento gratuíto deben estar sempre nas mellores condicións para axudar a dinamizar a actividade no centro urbano e por iso para nós é unha prioridade”, afirmou Pérez Gulín, que confía en que os traballos queden listos en poucos días.
Esta actuación súmase a unha batería de tarefas que os operarios municipais están levando a cabo no núcleo da vila termal. Trátase de arranxos e reparacións que, segundo explica o alcalde caldense, “quizais non sexan moi visibles, pero son indispensables para garantir unha mellor calidade de vida á nosa veciñanza”. Deste xeito, nos últimos días procedeuse á colocación dunha nova varanda na rúa Alfonso VII, substituíndo a anterior, que se atopaba moi deteriorada.
Ademais, tamén se está a proceder á reparación de beirarrúas en A Sardanela e García Baión. A maiores, aproveitando o bo tempo procederase ao lavado de rúas con hidrolavadoras.
Outros traballos que se están a desenvolver son os de arranxo de alcorques na propia Rúa García Baión, así como na Praza José Sesto e Dolores Mosquera. Manter en boas condicións estes elementos é indispensables para garantir a boa saúde das árbores que se atopan no casco urbano. Os alcorques son os espazos arredor dos cales medran as prantas en pavimento, facilitando o seu regado e a absorción de auga.



