HomePontevedraO CondadoO Concello de Ponteareas formula proposta de adxudicación a Atendo do novo...

O Concello de Ponteareas formula proposta de adxudicación a Atendo do novo Servizo de Axuda no Fogar (SAF)

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas vén de celebrar a segunda sesión da Mesa de Contratación no procedemento para a adxudicación do novo Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Unha vez avaliadas as ofertas presentadas, a Mesa acordou formular proposta de adxudicación a favor da empresa Atendo, por resultar a oferta mellor valorada conforme aos criterios establecidos no prego.

De acordo co previsto na normativa de contratación do sector público, procédese agora ao requirimento da documentación administrativa á empresa proposta como adxudicataria, paso previo á elevación da proposta ao órgano de contratación para a súa aprobación definitiva e posterior adxudicación polo Pleno da Corporación.

Cómpre salientar que Atendo xa viña prestando o servizo nestes días de xeito extraordinario, garantindo así a continuidade da atención ás persoas usuarias. Trátase dunha empresa da comarca, con ampla experiencia e unha recoñecida traxectoria na xestión do SAF.

O goberno local salienta que se axilizou ao máximo posible a tramitación deste contrato, o máis cuantioso do Concello, co obxectivo de garantir un servizo esencial en condicións óptimas e coa maior rapidez, asegurando en todo momento a continuidade da atención ás persoas dependentes e ás súas familias.

Un salto cualitativo e cuantitativo sen precedentes

O novo contrato suporá unha mellora histórica tanto en termos de cobertura como de calidade. Establécese unha parte fixa de 67.000 horas anuais, á que se suma unha bolsa de 13.400 horas variables ao ano. Isto permitirá atender á totalidade das persoas con dependencia de grao III e II.

En termos económicos, o contrato contará cun importe anual de 1.853.858,44 euros, cunha duración inicial de dous anos e a posibilidade dun ano de prórroga, acadando un importe total de 6.417.178,05 euros. O prezo por hora sitúase en 27,67 euros, superando os 27 euros, o que permitirá mellorar substancialmente as condicións do servizo. Trátase do prezo/hora máis alto da comarca e un dos máis elevados da provincia de Pontevedra.

Máis melloras no servizo

Entre as novidades máis destacadas desta nova licitación atópase a incorporación de sistemas tecnolóxicos avanzados para a xestión do SAF, que permitirán mellorar a calidade asistencial, a seguridade e a comunicación entre persoas usuarias, profesionais, familias, empresa e Concello.

Ademais, reforzarase o equipo de coordinación, pasando de dúas a tres persoas coordinadoras, coa incorporación dun mínimo dunha persoa administrativa.

O contrato tamén inclúe melloras nas condicións laborais do persoal, especialmente en materia de descansos, quilometraxe e complementos salariais, recollendo por primeira vez neste prego todas as melloras pactadas con anteriores empresas.

Un compromiso firme co benestar social

Cómpre lembrar que, no momento da toma de posesión do actual Goberno municipal, apenas se atendía á metade das persoas con grao III e ningunha con grao II, unha situación que se está a reverter grazas á aposta decidida polas políticas sociais.

Este compromiso coas persoas máis vulnerables complétase con outras actuacións estratéxicas, como a construción da nova escola infantil, a reforma da residencia de maiores, a posta en marcha do programa de inclusión social cun investimento superior aos 500.000 euros, a reactivación do servizo de atención temperá e a futura construción de dous novos centros de día nas parroquias de Guláns e Xinzo.

O Concello de Ponteareas reafirma así o seu compromiso cun SAF forte, estable e de calidade, garantindo a atención ás persoas que máis o precisan e avanzando cara a un modelo de benestar social máis xusto e eficaz.

Publicacións Relacionadas