A primeira quenda piloto, con 36 participantes, confirma o alto interese dunha oferta que combina seis días de estancia termal con experiencias gastronómicas de máximo nivel
Participan os tres restaurantes con Estrela Michelín da provincia —Miguel González, Nova e Ceibe— nun programa que atrae visitantes de toda España
A Deputación de Ourense pon en marcha hoxe o novo programa, de Termalismo con Estrelas, para promocionar o sector termal e a gastronomía mediante unha iniciativa innovadora que fusiona estancias nos balnearios coa excelencia que representan os tres restaurantes con Estrela Michelín da provincia: Miguel González, Nova e Ceibe.
Hoxe martes será o primeiro día no que estes restaurantes reciban nos seus establecementos ás persoas participantes no programa experimental, que previamente terán desfrutado de técnicas termais no balneario de Laias.
Desde que o pasado 25 de febreiro presentárase o programa recibíronse numerosas chamadas telefónicas e solicitudes de información sobre esta innovadora iniciativa que se traduciu nunha ocupación plena de todas as prazas postas a disposición para a primeira quenda.
Os solicitantes proceden de distintas comunidades autónomas: Galicia, Asturias, País Vasco, Castela-León, Castela-A Mancha e Madrid, o que reflicte o interese pola oferta conxunta de termalismo e gastronomía do máis alto nivel.
As 36 persoas que participan nesta primeira quenda desfrutarán de seis días (5 noites) de estancia nun balneario en réxime de pensión completa , dez técnicas termais con revisión médica voluntaria, acceso ás piscinas de auga mineromedicinal termal, así como a experiencia de comer nun dos tres restaurantes con Estrela Michelin de Ourense.
Unha vez rematada este experiencia piloto, os técnicos da Deputación, os responsables dos restaurantes e dos de los balnearios analizarán os resultados para valorar posibles adaptacións en próximas quendas..
Os menús dos restaurantes con Estrella Michelín
Cada un dos tres restaurantes decidiu o menú máis adecuado para este programa piloto, dentro dos que xa ofertan a diario, para respectar a esencia do que é a experiencia gastronómica nestes locais, referentes culinarios ourensáns.
Os menús escollidos polos restaurantes Estrella Michelín que participan no programa son os seguintes: “Auria”, no caso do restaurante Miguel González para poñer en valor a súa cociña de “recordos, sensacións e técnicas” baseada no que recibe do mercado, da lonxa ou do campesiño, sen saber ningún día cal será o produto.
O Restaurante Ceibe opta por “Enxebre”, no que traballa con materia prima de proximidade e de tempada unido ás bases da súa cociña, onde lidera a cultura e a tradición que representan a Galicia.
Por último, Restaurante Nova optou polo menú que leva o seu nome, xa que representa unha cociña de raíces que trata de plasmar unha base gastronómica herdada dos nosos maiores onde o fío condutor é a frescura e os produtos de proximidade.



