Este ano poñeranse á disposición da veciñanza que dispoña dunha horta ou xardín 25 novos composteiros
As persoas participantes recibirán tamén un manual, un remexedor e un caldeiro para facilitar a recollida dos restos de comida
O Concello da Pobra do Caramiñal pon en marcha unha nova campaña de compostaxe doméstica durante este 2026 coa entrega de 25 composteiros destinados á veciñanza que dispoña dunha horta ou xardín dunha superficie mínima de 25m2.
As persoas participantes recibirán de maneira completamente gratuíta un composteiro, un manual de compostaxe, un remexedor e, como novidade, un caldeiro para facilitar a recollida dos restos de comida, reducindo a cantidade de residuos orgánicos que se depositan no colector xeral.
No momento da entrega do material, compartiranse tamén nocións básicas para iniciar o proceso correctamente e obter un compost de calidade.
Ademais, o programa inclúe dúas visitas aos domicilios das persoas participantes. A primeira terá un carácter formativo, co obxectivo de resolver posibles dúbidas ou dificultades ou problemas que puideran aparecer no proceso. A segunda visita será de seguimento, para comprobar que o sistema funciona correctamente.
A coordinación da recepción de solicitudes e a entrega do material, proporcionado por Sogama, será xestionado polo Servizo de Medio Ambiente municipal. As visitas de formación e seguimento serán realizadas por Amabul, co financiamento de Urbaser.
O concelleiro da área de Medio Ambiente, Xosé Lois Piñiero, asegurou que con esta iniciativa “o Concello mantén a súa aposta pola xestión responsable dos residuos xerados no ámbito doméstico, se reducimos o que mandamos a SOGAMA, a administración aforra, pero tamén a cidadanía, ademais da mellora que supón dende o punto de vista ambiental”.



