HomePontevedraO SalnésO BNG de Sanxenxo esixe medidas urxentes para medir e controlar a...

O BNG de Sanxenxo esixe medidas urxentes para medir e controlar a exposición ao gas radón no Pazo Emilia Pardo Bazán

- Anuncio -spot_img

Os nacionalistas teñen constancia de que o sistema de ventilación non se utiliza nas salas e aulas situadas no sótano

O Bloque recorda que Sanxenxo, ao igual co resto da bisbarra da ría de Pontevedra, está catalogada polo Consello de Seguridade Nuclear como unha das zonas con máis alta contentración en todo o país deste gas nocivo para a saúde das persoas

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo insta ao Goberno local do Partido Popular a que priorice a contratación, “de xeito inmediato e urxente”, dun estudo completo de medición da concentración de gas radón en todas as aulas e espazos de traballo que se emprazan no soto do Pazo Emilia Pardo Bazán, en Miraflores. Os nacionalistas esixen ao alcalde, Telmo Martín, que acometa medidas que garantan o control deste gas de radioactivo, de orixe natural, incoloro e inodoro, toda vez que supón un risco para a saúde pública en caso de longas exposicións.

Tal e como explica o voceiro do Bloque, Octavio González, son moitas as usuarias e usuarios, de diferentes idades, que diariamente fan uso das instalacións situadas na planta máis baixa do centro cultural sanxenxino. Alí se atopan diversas aulas da Escola de Música, incluíndo unha sala de grandes dimensións, nas que se imparten leccións e ensaios infantís, ademais doutras propostas formativas. Trátase de aulas que se caracterizan “por seren espazos baixo terra, sen fiestras e, polo tanto, sen posibilidade de ventilación natural”, apunta González, que lembra que Sanxenxo, ao igual co resto da bisbarra da ría de Pontevedra, está catalogada como unha das zonas de máis alta concentración de gas radón de toda Galicia e do estado español, debido á natureza granítica do seu solo. Así o definen estudos xeolóxicos como o Mapa do Potencial Radón de Galicia ou o Consello de Seguridade Nuclear (CSN). O BNG faise eco da preocupación trasladada por numerosos usuarios, usuarias e integrantes do persoal municipal que traballa nestas dependencias, que advirten de que os sistemas de ventilación e aire acondicionado das aulas dos sotos “non se acenden nunca ou só de forma totalmente testemuñal”. Todo isto a pesar da instalación de novos sistemas de ventilación, a raíz da reforma que se levou a cabo no Pazo.
“Como institución titular das instalacións, o Concello de Sanxenxo ten a obriga de garantir a seguridade de todos e todas as usuarias, moitas das cales son menores”, apunta Octavio González, de aí a necesidade de que o Goberno local axilice a contratación dunha empresa especializada para que efectúe as pertinentes medicións de radón. No caso de que os resultados confirmen unha presenza elevada do gas, o Bloque esixe ao Partido Popular que adopte as medidas correctoras pertinentes, como o garantimento dunha correcta utilización dos sistemas de ventilación, co obxectivo de reducir a concentración ata niveis seguros. González incide en que “debería establecerse un protocolo diario de ventilación, programada e automática, en todas estas aulas, para evitar calquera incidencia”, ao tempo que conclúe que “a saúde da veciñanza debe ser unha prioridade á hora de xestionar as instalacións municipais”.

Publicacións Relacionadas