Xoán Reices: “Este anuncio tería o seu efecto propagandístico hai 20 anos, pero estamos en 2026, e se se quere facer algo serio e funcional, algo realmente útil para os veciños e veciñas do rural, hai que ter acceso á banda ancha a través de fibra”
Hai poucos días o concello anunciou a rehabilitación co albergue de Sabucedo para convertelo nun centro tecnolóxico. Este anuncio causou perplexidade no seo do BNG, xa que Sabucedo non ten fibra óptica, segundo o mapa de cobertura de banda ancha fixa do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, e tamén confirmado polos propios veciños e veciñas do lugar.
Segundo o expediente de contratación 3168/2025, o “centro tecnolóxico” terá un custe de 66.590 euros, e aparte de diversas melloras na infraestrutura, tanto interior como exterior, o espazo contará con 20 ordenadores portátiles conectados á rede wifi da Estrada Dixital.
Segundo explicou Xoán Reices, portavoz municipal do BNG, “isto é un despropósito máis dun goberno desnortado, que fai as cousas ao chou e para a galería”. “Segundo figura na memoria xustificativa do proxecto, neste espazo impartiríanse cursos de informática e TICs”, engade Reices, “o que é imprescindíbel ter acceso a internet decente”.
“Desde o BNG queremos deixar claro que non nos opoñemos a que se arranxe o albergue para que a asociación Rapa das Bestas teña un espazo onde desenvolver as súas actividades,” afirma Reices, “pero pedímoslle ao concello que non tome á veciñanza por parva, vendendo como centro tecnolóxico o que é literalmente fume”. “Este anuncio tería o seu efecto propagandístico hai 20 anos, pero estamos en 2026, e se se quere facer algo serio e funcional, algo realmente útil para os veciños e veciñas do rural, hai que ter acceso á banda ancha a través de fibra”, explica Xoán Reices.
Por outra parte, o concelleiro nacionalista tamén puxo de manifesto que “aínda hoxe hai lugares no que a fibra óptica é unha quimera, hai veciños e veciñas da Estrada completamente desconectados das grandes redes de comunicación, a pesar das cuantiosas subvencións recibidas polas operadoras para levar a fibra óptica a todos os recunchos do concello”.



