HomePontevedraO CondadoO Concello de Ponteareas adxudica a redacción dos proxectos de reparcelación e...

O Concello de Ponteareas adxudica a redacción dos proxectos de reparcelación e urbanización do solo industrial da Lomba por máis de 99.000 euros

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas vén de adxudicar o contrato do servizo de redacción do proxecto de reparcelación e do proxecto de urbanización do sector de solo industrial IND-01 A Lomba, por un importe total de 99.581,79 euros (IVE incluído). Este paso supón avanzar no desenvolvemento dun ámbito estratéxico para o futuro económico do municipio.

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández Táboas, destaca que o proxecto da Lomba “é un documento que resolve anos de inquedanzas e que outorga seguridade xurídica e urbanística ás empresas, pero tamén unha saída a terreos infrautilizados e abandonados e a posibilidade de dispoñer de solo para novos usos e zonas verdes das que gozar toda a cidadanía”.

A responsable de Urbanismo lembra que a modificación nº 2 do PXOM no ámbito SURBZ-IND-01 A Lomba permitirá xerar emprego, atraer novos investimentos e poñer en valor propiedades que permanecían bloqueadas, ademais de facilitar o asentamento de novas propostas comerciais e crear novos espazos de lecer.

“Este novo planeamento fai posible dispoñer dun 50% do solo, duplicando as posibilidades de que se asenten novas empresas ou medren as actuais”, sinala a concelleira.

Fernández Táboas subliña que era necesario actualizar o actual PXOM, “un documento vivo que debe traballarse e xestionarse para adaptarse ás necesidades da cidadanía”. A nova ordenación incorpora importantes melloras respecto ao planeamento anterior, entre elas un aforro estimado de 2,4 millóns de euros nos custos de urbanización interior e conexións exteriores.

O plan aprobado reduce a rede viaria nun 30%, mellorando a eficiencia do solo e diminuíndo os custos de execución. Ademais, incrementa as zonas verdes nun 20%, superando os 67.000 m², o que permitirá crear un corredor ecolóxico cara á Freixa. Tamén se simplifica a xestión do ámbito ao reducir o número de propietarios de 144 a 85.

En termos económicos e urbanísticos, a repercusión do custo por metro cadrado pasa de 50 €/m² a 17,77 €/m², mentres que o aproveitamento urbanístico aumenta de 0,351 a 0,386 m²/m², o que supón un 10% máis de valor edificable. A edificabilidade neta increméntase de 36.000 m² a máis de 56.000 m².

Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro salientou a importancia dun documento “realista e resolutivo que transforma anos de parálise en novas oportunidades”. A rexedora destacou tamén o traballo realizado ao longo de múltiples reunións e procesos de análise para dar resposta “a unha das demandas máis antigas e urxentes do municipio”.

Beneficios para a cidadanía

A modificación do planeamento incorpora tamén medidas para facer compatible o desenvolvemento industrial coa calidade urbana e ambiental. Entre elas destaca a demolición da antiga fábrica de madeira, que pasará a converterse en zona verde, así como a reordenación da parcela da antiga fábrica de cerámica como solo de uso terciario, abrindo a porta á implantación de servizos e actividades complementarias.

O documento elimina ademais reservas dotacionais innecesarias e suprime a obriga de soterrar a liña de alta tensión, garantindo así a viabilidade económica do sector.

A nova ordenación inclúe tamén beirarrúas e un carril bici, mellorando a mobilidade peonil e ciclista e favorecendo a integración desta área coa vila.

Publicacións Relacionadas