O espazo Artistea acolle desde onte a exposición As portadas de Pexegueiro, unha mostra que percorre a traxectoria creativa do poeta e artista ponteareán Alfonso Pexegueiro a través das portadas das súas obras e das ilustracións que dialogan co seu universo literario e artístico, que se poderá visitar ata o 15 de abril.
O acto de inauguración contou coa participación do concelleiro de Letras, Ricardo González; do propio autor, Alfonso Pexegueiro; e da alcaldesa de Ponteareas, quen destacou a importancia de impulsar iniciativas culturais que contribúan a fortalecer a identidade colectiva e a creación artística no municipio.
Durante a súa intervención, o concelleiro puxo en valor o significado da exposición como un encontro entre literatura e artes plásticas, subliñando que a mostra permite “percorrer visualmente a traxectoria dun autor fundamental das nosas letras, cunha voz singular e profundamente comprometida coa lingua e coa cultura galega”.
Pola súa banda, a alcaldesa salientou o orgullo que supón para Ponteareas acoller unha exposición dedicada a Alfonso Pexegueiro, a quen definiu como “un artista multidisciplinar que enriquece o noso patrimonio cultural e que, coa súa obra, contribúe a facernos pensar, sentir e mirar o mundo doutro xeito”.
A rexedora destacou tamén o compromiso do Concello coa promoción cultural, lembrando que o edificio Artistea simboliza esa aposta por crear espazos vivos para a arte e o pensamento. Ademais, puxo en valor a relevancia de Pexegueiro na literatura galega contemporánea, como fundador do Grupo Rompente e figura clave na renovación estética da poesía galega durante a Transición, así como no proceso de profesionalización do sector literario galego.
A exposición reúne portadas editoriais, ilustracións e debuxos que establecen un diálogo entre diferentes linguaxes artísticas e xeracións creadoras, permitindo ao público achegarse tanto á dimensión literaria como visual do autor.
Tras as intervencións institucionais, as persoas asistentes participaron nunha visita guiada pola exposición a cargo de Manrique Fernández, nun percorrido que permitiu coñecer con maior profundidade as obras expostas e o contexto creativo no que foron realizadas.
Xornadas “A voz e a Palabra”
Durante o acto, a alcaldesa convidou tamén á cidadanía a participar nas xornadas A Voz e a Palabra, que se inaugurarán este venres no mesmo espazo en colaboración coa UNED.
Estas xornadas reunirán a especialistas, docentes, escritores e críticos literarios que afondarán na traxectoria e no legado do autor a través dun programa composto por seis conferencias e a proxección do recital poético-musical A illa das mulleres loucas, no que o propio Pexegueiro participa como narrador.
A iniciativa enmárcase nas actividades impulsadas polo Concello para conmemorar o 50 aniversario da publicación de Seraogna, a súa primeira obra, considerada un fito renovador da poesía galega contemporánea. O encontro pretende ofrecer diferentes perspectivas sobre a súa obra e poñer en valor a relevancia cultural e literaria dun dos autores máis innovadores das letras galegas da segunda metade do século XX.
As xornadas están abertas ao público (de forma presencial ou online) mediante inscrición gratuíta a través da web da UNED e constitúen unha oportunidade para achegarse á figura e ao pensamento dun creador fundamental da cultura galega contemporánea.
Programa das xornadas:
VENRES, 20
11:30 – 12:00 h.: Recepción.
12:00 h.: Intervención de Fátima Ferreiro: «Memoria e orixes na obra de Alfonso Pexegueiro: o trazo que recorda, o verso que regresa».
16:30 h.: Intervención de Isaac Lourido: «Fóra do normal: a escrita de Alfonso Pexegueiro na cultura galega autonómica».
18:00 – 18:30 h.: Pausa.
18:30 h.: Intervención de Roberto Abuín: «Iqbal, as garzas azuis e o soño por vir».
SÁBADO, 21
10:00 h.: Intervención de David Souto: «Dende as marxes: Alfonso Pexegueiro e o verdadeiro sentido do underground na cultura galega e española do Réxime do 78».
11:30 – 12:00 h.: Pausa
12:00 h.: Intervención de Armando Requeixo: «Alfonso Pexegueiro na literatura do noso tempo».
16:30 h.: Intervención de Paula Domínguez: «Da transcendencia do autor a unha filosofía do universal».
18:00 – 18:30 h.: Pausa.
18:30 h.: Clausura: Proxección do espectáculo poético-musical «A illa das mulleres loucas». Interveñen Alfonso Pexegueiro (narrador), as actrices Vanesa Sotelo e María Caparrini, e os músicos Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (arpa). Gravado no Teatro Principal de Compostela o 27/05/2011.



