HomePontevedraO concello solicita ao Ministerio de Transportes o proxecto para a reforma...

O concello solicita ao Ministerio de Transportes o proxecto para a reforma da Avda de Redondela

- Anuncio -spot_img

– A alcaldesa, Digna Rivas, explica que o Goberno local non ten novas do proxecto de mellora da N-552 desde que o Ministerio confirmara a redacción do mesmo en outubro de 2021.

– A actuación, valorada en 1 millón de euros, inclúe a reordenación de accesos, a mellora de beirarrúas e a reparación da pasarela peonil do instituto.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, solicitou formalmente ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible información detallada sobre o estado actual do proxecto de reparación e humanización da Avenida de Redondela (N-552) en Chapela. Malia os compromisos adquiridos polo Goberno central, o Concello non conta con información oficial sobre o avance duns traballos que Rivas considera “fundamentais” para a seguridade viaria do municipio.

Os antecedentes do proxecto remóntanse a 2021, nunha reunión telemática entre a alcaldesa e o entón secretario xeral de Infraestruturas, Sergio Vázquez Torrón. Nese encontro, confirmouse o inicio da redacción do proxecto de reordenación de accesos e adecuación das marxes. En outubro dese mesmo ano, o Ministerio ratificou que a actuación contaría cun investimento estimado de un millón de euros.

O proxecto previsto polo Mitma abrangue o acondicionamento das distintas interseccións do viario, o tratamento das marxes para completar e mellorar a rede de beirarrúas e, de xeito prioritario, a reparación da pasarela peonil situada fronte ao instituto, un punto clave para a mobilidade escolar.

“A día de hoxe, o Concello non ten ningunha información de como se atopa o proxecto”, sinala Rivas. Por este motivo, o Concello solicitou unha resposta inmediata por escrito ou a convocatoria dunha nova reunión cos responsables actuais de infraestruturas para desbloquear esta actuación de titularidade estatal. O Goberno local de Redondela reitera que a reforma da N-552 “é unha necesidade histórica para os veciños e veciñas” e que non cesará de reclamar “que se cumpran os prazos e investimentos comprometidos”.

Publicacións Relacionadas