No que será o quinto ano da campaña, o Concello entregará 1.500 exemplares de especies autóctonas para fomentar a biodiversidade e reducir o risco de lumes
O futuro do noso territorio tamén se planta. Entre carballos, castiñeiros ou sobreiras, Tomiño continúa construíndo unha paisaxe máis segura e sostible. Por quinto ano consecutivo, o Concello repartirá uns 1.500 exemplares de dez especies autóctonas (castiñeiro, carballo, bidueiro, amieiro, sobreira, aciñeira, cerdeira, nogueira, érbedo e abeleira) entre as persoas propietarias de parcelas situadas nas faixas secundarias de xestión da biomasa, creando un escudo verde que axuda a previr incendios forestais e promove a biodiversidade local.
Como sinala a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “quixemos ir máis alá do cumprimento da lei. A campaña ‘Rodéate de Vida’ é unha aposta pola seguridade da veciñanza e tamén polo futuro ambiental do noso concello. Plantar estas especies non só frea a posible propagación dun incendio, tamén constrúe un anel verde que manterá vivo o noso ecosistema e reforzará a conexión entre as persoas e o territorio”. “Implicamos á veciñanza nun proxecto colectivo que Tomiño sexa máis resiliente fronte ao cambio climático, con espazos máis frescos, biodiversos e vivos, que melloren a calidade de vida de todas e todos”, salienta.
Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, explica que “este é o quinto ano consecutivo desta iniciativa. A xestión da biomasa é imprescindible, pero queremos completar esa xestión coa renovación de especies autóctonas que achegan seguridade, diversidade e futuro”. A edil lembra que as parcelas deben estar libres de especies prohibidas como piñeiros, eucaliptos ou acacias, segundo a Lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia.
As persoas interesadas en recibir exemplares ou obter máis información poden dirixirse ao Departamento de Medio Ambiente do Concello, na Praza do Seixo, 1, de luns a venres en horario de 09:00 a 14:00 h, chamar ao teléfono 986 62 20 01 (extensión 2) ou enviar un correo electrónico a tecnica.medioambiente@tomino.gal. A entrega das plantas farase nas próximas semanas e a veciñanza será informada puntualmente das datas de recollida.
Datos anuais de xestión da biomasa
Neste camiño de prevención, no ano 2025 o Concello abriu 428 expedientes por incumprimento das labores de xestión da biomasa, motivados principalmente pola Lei de Prevención e pola Ordenanza Municipal de Xestión da Biomasa. Destas parcelas, 146 xa completaron as tarefas de limpeza e outras 16 xa as iniciaron, aínda que moitos dos propietarios e propietarias notificados non informan ao concello cando levan a cabo estes traballos.
Ditos expedientes tramitáronse despois de recibir 310 denuncias de particulares e 31 a través da aplicación ‘Meu Concello’, mentres que 87 foron tramitados de oficio.
Das 428 parcelas denunciadas o ano pasado, o 82% delas foron tramitadas (349 expedientes) e un 7% foron desestimadas (32 expedientes), mentres que das parcelas restantes, 47 expedientes aínda están pendentes de tramitación, por motivos diversos.
A concelleira de Medio Ambiente, delegada para a tramitación destes expedientes, resalta que “en moitos casos, estas parcelas denunciadas coinciden en faixas secundarias na que o Concello aposta pola inclusión de frondosas autóctonas, coa campaña ‘Rodéate de Vida’ que volve arrancar agora e da que se informa a todos os afectados e afectadas cando se envían as notificacións”.



