HomeA CoruñaA Xunta e o concello de Ponteceso avalían vías de colaboración para...

A Xunta e o concello de Ponteceso avalían vías de colaboración para facer traballos de conservación nun tramo da senda do río Anllóns

- Anuncio -spot_img

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático xa apoiou ao municipio o ano pasado na realización de actuacións semellantes de acondicionamento de parte dun camiño peonil paralelo á canle fluvial cun investimento de máis de 50.000 euros

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo un encontro co alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, no que avaliaron posibles vías de colaboración co obxectivo de executar traballos de conservación nun tramo da senda do río Anllóns.

O rexedor presentoulle á responsable autonómica unha memoria valorada desta actuación -para mellorar o camiño con pavimento de xabre e o mobiliario urbano existente (como bancos e miradoiros sobre o río) feito en madeira e que está deteriorado polo paso do tempo- co fin de que sexa analizada tecnicamente para determinar a posibilidade de acceder a financiamento autonómico.

A finalidade do proxecto presentado polo alcalde é continuar coas intervencións de conservación realizadas en exercicios anteriores, como as desenvolvidas o ano pasado co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático nun treito de case medio quilómetro dun sendeiro peonil dun quilómetro de lonxitude en total e que discorre tamén paralelo ao río Anllóns.

Nese caso os traballos, cun orzamento de algo máis de 50.000 euros, contaron co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027.

Nesta liña, a conselleira trasladoulle ao rexedor a vontade da Xunta de seguir colaborando na posta en valor dos espazos protexidos da comunidade e de acondicionar infraestruturas como as sendas existentes para favorecer o desfrute de momentos de lecer na natureza tanto pola cidadanía que vive na contorna como polos visitantes.

A maiores, o alcalde e a conselleira abordaron os traballos que está a facer Augas de Galicia para a definición do proxecto para crear unha área de inundación controlada en Ponteceso, na contorna do río Anllóns. Neste sentido, os técnicos do organismo autonómico están en contacto cos do Goberno local co fin de deseñar a mellor solución posible para reducir os episodios de asolagamentos que se rexistran na zona en momentos de choivas intensas, como as das últimas semanas.

Neste sentido, unha vez definida a mellor opción e os traballos que serían necesarios, a Xunta e o Concello asinarán o correspondente convenio de colaboración para establecer as obrigas de cada parte e iniciar a licitación do contrato para executar as obras.

Publicacións Relacionadas