HomeXunta de GaliciaA Xunta impulsará en Ecuador a proxección mundial do modelo galego de...

A Xunta impulsará en Ecuador a proxección mundial do modelo galego de atracción de talento e consolidará os lazos coa colectividade residente en Venezuela

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, iniciará o martes en Caracas unha viaxe institucional orientada a coñecer de primeira man a situación e necesidades da comunidade galega asentada no país, que supera as 30.000 persoas
  • A axenda incluirá, entre outros encontros, visitas á Oficina Social e ao Centro de Día da Hermandad Gallega de Venezuela, unha xuntanza cos responsables das entidades galegas do país e asistencia á estrea do documental ‘Un pasaje de ida y de vuelta’
  • Xa na cidade de Quito, José González participará representando a Galicia no encontro de alto nivel ‘El futuro de la migración laboral y la movilidad de talento en América Latina’, organizado polo Goberno do Ecuador e o Banco Mundial
  • Neste foro internacional, poñerá en valor o modelo galego de atracción de talento, baseado nunha migración controlada, segura e eficaz, vinculada á demanda das empresas e cunha integración sociolaboral en beneficio da Comunidade
  • O obxectivo é explorar novas vías de colaboración e avanzar na creación de pontes de talento con América Latina, tanto a través da Estratexia Galicia Retorna como mediante acordos cos países de orixe

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, viaxará a Venezuela e Ecuador a vindeira semana nunha misión institucional cun dobre obxectivo: reforzar o apoio á colectividade galega no exterior e, ao tempo, potenciar a proxección internacional de Galicia en materia de mobilidade laboral e atracción de talento, cunha participación destacada en Quito nun foro de alto nivel organizado polo Goberno do Ecuador e o Banco Mundial.

A viaxe iniciarase en Venezuela o martes 24 de marzo. Alí, acompañado do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o conselleiro desenvolverá unha axenda en Caracas centrada no contacto directo coa colectividade galega residente no país. Neste marco, entre outros encontros institucionais, visitará a Oficina Social e o Centro de Día da Hermandad Gallega de Venezuela e manterá unha xuntanza cos responsables das entidades galegas do país, co obxectivo de coñecer de primeira man a súa situación e necesidades.

A comunidade galega en Venezuela supera as 30.000 persoas, segundo a recente Estatística do Padrón de Españoles Residentes no Estranxeiro (PERE) publicada polo INE. A visita servirá para reforzar o apoio institucional da Xunta e seguir impulsando as distintas liñas de axuda e acompañamento social, así como para poñer en valor o papel das entidades galegas no país, fundamentais tanto na preservación da cultura como no apoio ás familias e na atención das súas necesidades. Ademais, o encontro servirá para seguir difundindo as oportunidades de retorno que ofrece o Goberno galego a través das Estratexia Galicia Retorna.

No marco desta visita á capital venezolana, o conselleiro tamén asistirá á estrea do documental Un pasaje de ida y de vuelta. Venezolanos y gallegos, que terá lugar no Teatro Rosalía de Castro.

Axenda en Quito

Pola súa parte, o xoves 26 de marzo, José González participará representando a Galicia no Encontro de Alto Nivel El futuro de la migración laboral y la movilidad de talento en América Latina, organizado polo Goberno do Ecuador e o Banco Mundial. Trátase dun foro de referencia internacional que reunirá a responsables institucionais, organismos multilaterais e expertos de España, Europa e América Latina para abordar os retos e oportunidades da mobilidade laboral, a formación en orixe e a atracción de talento.

A participación de Galicia neste encontro permitirá dar a coñecer o seu modelo de atracción de talento do exterior, estruturado en dous eixes: o retorno dos galegos e galegas do exterior e a captación de traballadores de terceiros países, con especial atención a América Latina. Un modelo baseado nunha migración controlada, segura e eficaz vinculada á demanda das empresas, cunha integración sociolaboral en beneficio da Comunidade e para a que resultará clave contar coas competencias da xestión das autorizacións iniciais dos permisos de traballo, solicitadas xa ao Estado.

Ademais, o obxectivo é explorar novas vías de colaboración e avanzar na creación de pontes de talento entre Galicia e América Latina, tanto a través da Estratexia Galicia Retorna como mediante iniciativas na liña dos manifestos de vontades xa asinados con Ecuador, Colombia, Honduras e Paraguai a prol de establecer un procedemento tutelado desde o inicio, no que participen as administracións de orixe e destino, así como as empresas galegas con necesidade de incorporar talento, e sempre co foco nas persoas.

Publicacións Relacionadas