As entradas para a súa actuación sairán á prevenda o martes 24 ás 12.00 horas
A Coruña formará parte da xira de regreso aos escenarios de Vetusta Morla. A banda anunciou os novos concertos do tour ‘Gira de vuelta. Canciones de ida’ e farán parada no Coliseum o vindeiro sábado 7 de novembro. “A nosa cidade non podía faltar no regreso dunha banda que fixo historia na praia de Riazor hai dous anos, reunindo a máis de 50.000 persoas no Festival Noroeste Estrella Galicia”, sinalou Inés Rey, alcaldesa da Coruña.
Vetusta Morla anunciou estes días o seu regreso aos escenarios tras o anunciado parón da súa actividade no 2024. “A Coruña continúa a amosar o seu potencial cultural e musical, acollendo as grandes xiras nacionais e internacionais do momento no mellor recinto cuberto do noroeste”, indicou Rey.
As entradas para este concerto sairán á prevenda exclusiva para subscriptores da súa páxina web o martes 24 de marzo ás 12.00 horas. A venda xeral está programada para o xoves 26 de marzo ás 12.00 horas.
De cara a este 2026, a programación musical do Coliseum conta xa con 27 eventos musicais anunciados, aos que hai que sumar os eventos deportivos xa confirmados do Básquet Coruña. As citas programadas son: Eladio Carrión (29 de xaneiro), Amaia (31 de xaneiro), Mikel Izal (7 de febreiro), Amaral (21 de febreiro), Hijos de la Ruina (17 de abril),
Viva Suecia (18 de abril), OT (19 de abril), Rodrigo Cuevas (30 de abril), Dani Fernández (2 de maio), Iván Ferreiro (9 de maio), Dani Martín (15 e 16 de maio), Bad Gyal (23 de maio), Megadeth (27 de maio), La Reina del Flow (27 de xuño), Pablo Alborán (4 de xullo), Carlos Rivera (10 de xullo), Yandel Sinfónico (12 de xullo), Aitana (22 de xullo), La Oreja de Van Gogh (11 e 12 de setembro), Antonio Orozco (3 de outubro), Tanxugueiras (17 de outubro), Vetusta Morla (7 de novembro), Melendi (13 e 14 de novembro), Bryan Adams (16 de novembro), Raphael (21 de novembro), Hombres G (5 de decembro) e Carolina Durante (12 de decembro).



