HomeA CoruñaGoretti Sanmartín destaca que continúa o proceso de contratación do transporte urbano...

Goretti Sanmartín destaca que continúa o proceso de contratación do transporte urbano coa presentación de cinco empresas e comprométese a que o autobús irá a Busto

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, informou este venres, 20 de marzo, do avance no proceso de licitación do novo contrato de transporte urbano, un contrato que cualificou de “fundamental para mellorar a mobilidade da nosa veciñanza” e, en xeral, mellorar a calidade de todos a cidadanía compostelá. Neste sentido, informou de que se presentaron cinco empresas e que, polo tanto, está en marcha o proceso.

A rexedora compostelá tamén se comprometeu coa veciñanza do rural e con que o autobús irá ata a parroquia de Busto.
Goretti Sanmartín destaca que continúa o proceso de contratación do transporte urbano coa presentación de cinco empresas e comprométese a que o autobús irá a Busto
Sanmartín Rei explicou que o pasado mércores 18 rematou o prazo de presentación de ofertas, despois de que este prazo fose retomado e ampliado para facilitar que as empresas interesadas puidesen analizar a documentación unha vez resoltos favorablemente os cinco recursos presentados ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGAL).

“Avanza, pois, como corresponde, o proceso de licitación”, sinalou a alcaldesa compostelá. Neste sentido, parabenizouse de que, a pesar de todas as reticencias que se quixeron sinalar, este contrato “espertase o interese dun número importante de empresas”.

Precisamente, este mesmo venres, convocouse a primeira mesa de contratación para a recepción das ofertas, confirmándose a participación de cinco empresas: Castromil S.A., Empresa Martín S.A., Transportes Rober S.A.U., UTE Stellae Urbano Santiago e Viguesa de Transportes S.L.

A rexedora puxo en valor tamén o aval xurídico ao proceso e subliñou que o Goberno municipal traballará para axilizar os seguintes pasos. “Imos axilizar todo o posible para que os traballos na mesa de contratación sexan rápidos e se resolva un concurso que é absolutamente fundamental e necesario para a mobilidade da veciñanza de Santiago”, afirmou. Un proxecto que é “un proxecto ambicioso, que dará máis e mellor servizo e que resolverá moitas necesidades que até o momento non estaban atendidas”. E lembrou que o proxecto anterior, formulado como concesión, tivo que ser abandonado por non cumprir coas determinacións legais sinaladas polo TACGAL, de forma que se optou agora por un contrato de servizos.

“Agardamos contar con toda a colaboración necesaria dos servizos internos para que o proceso continúe con éxito , porque é unha evidencia que se algo precisa Santiago é contar cantoantes cun novo modelo de transporte urbano. Para nós é unha prioridade absoluta”, indicou.

E ao fío disto, referiuse ao transporte ao rural e, en concreto, á parroquia de Busto. A modo de contexto, a alcaldesa lembrou que o novo servizo de transporte non é unha concesión, coas liñas preestablecidas, senón un contrato de servizo, na que o Concello contrata quilómetros de prestación e os adecúa ás necesidades.

Debúxase un sistema de liñas alimentadoras que lle vai dar servizo á zona rural, algo que “non pasaba no prego anterior”. “Nós, entendendo que era absolutamente imprescindible darlle ese maior servizo á zona rural, deseñamos esas liñas alimentadoras. E ese sistema vaise axustar na práctica. Por tanto, podemos comprometernos a que o bus irá a Busto, sen ningunha dúbida”, afirmou.

Pleno de orzamentos

Por outro lado, a alcaldesa confirmou que a semana que vén terá lugar un pleno extraordinario para debater o proxecto de orzamentos. Como explicou, será o mércores 25, pola tarde, de xeito que permitirá distribuír en dúas sesións os moitos asuntos que están previstos este mes e que non se poderían debater nun único día.

A alcaldesa destacou que o proxecto orzamentario atende o incremento de custo de servizos públicos (os 14,1 millóns que custa a limpeza e a recollida de residuos, os 4,2 millóns de euros que factura a nova depuradora, ou novo contrato dos centros socioculturais ou os servizos de conciliación). En xeral, capítulo no que se reflicten a maioría destes servizos medra un 5,65% e supera os 70 millóns de euros.

As contas que leva o goberno ao pleno impulsan a protección social, unha área de gasto que medra nun 250% e na que destaca, engadiu Goretti Sanmartín, os 6,3 millóns de euros do servizo de axuda no fogar. Ademais, o orzamento inclúe 2 millóns de euros para manter as axudas a entidades sociais, culturais, deportivas e asociacións.

A proposta orzamentaria tamén permitirá incrementar o número de bombeiros (6), policías (3), persoal da administración xeral para servizos troncais (5), traballo social (2), deportes (1) ou informática (1). E inclúe importantes investimentos, coma os 2 millóns de euros para o rural, os 400.000 euros para arranxar o pavillón de Lamas de Abade, un millón de euros para a Casa dos Maiores, 893.000 euros para o colector da avenida de Lugo ou outro millón de euros para a Factoría de Salgueiriños.

Publicacións Relacionadas