HomeOurenseO PP de Ourense reafirma o seu modelo de "relevo natural” coa...

O PP de Ourense reafirma o seu modelo de “relevo natural” coa elección de Pablo Graña como novo presidente local en Xunqueira de Espadanedo

- Anuncio -spot_img

·      O presidente provincial, Luis Menor, destacou que, malia a súa mocidade, Pablo Graña confirma que en Xunqueira hai proxecto e futuro: ”Necesitamos moitas persoas coma el: activos, dinámicos e co interese real de defender a súa terra e traballar polo territorio”

·      O novo presidente local lembrou que en setembro do pasado ano Carlos Gómez deulle a confianza para rexer o concello, “e hoxe tomo as rendas para liderar a agrupación local do PP coa enerxía que me caracteriza”, prometendo a “unión” como unha das claves do seu proxecto político

O Partido Popular en Xunqueira de Espadanedo celebrou hoxe o seu congreso local, onde Pablo Graña Rodríguez (Xunqueira de Espadanedo, 1992) foi elixido como novo presidente, nomeamento que oficializa un relevo que comezou a fraguarse en setembro do pasado ano, cando Graña asumiu a alcaldía do municipio.

“Hoxe comezamos a construír unha nova etapa sobre os cimentos que vos puxestes”, dixo Pablo Graña en referencia ás persoas que lideraron o partido con anterioridade. Agradecido ao presidente provincial pola confianza, resumiu o seu programa de intencións afirmando que “aquí tedes a alguén que traballa por e para Xunqueira de Espadanedo, o sono da miña vida”.

Lembrou que en setembro do pasado ano, Carlos Gómez deulle a confianza para rexer o concello, “e hoxe tomo as rendas para liderar a agrupación local do PP coa enerxía que me caracteriza”. Prometeu fomentar a “unión” como unha das claves do seu proxecto político, “traballando para todos porque Xunqueira ten moito que dicir e estamos aquí para que a nosa voz escóitese ben forte”.

Na clausura do congreso, que tamén contou coa presenza da vicepresidenta do PP, Marta Nóvoa, e da secretaria xeral, Sandra Quintas, o presidente provincial, Luis Menor, puxo en valor o “paso firme e decidido” dos populares de Xunqueira de Espadanedo, que ofrecen así a imaxe dunha formación “viva, unida e con futuro”. Dirixíndose ao novo presidente local, Menor lembroulle que “os teus acertos serán os éxitos do Partido Popular, non só aquí, senón tamén na provincia, en Galicia e en España, porque cada voto neste concello suma para o proxecto común”.

Menor destacou o modelo de “relevo natural” do PP, no que Pablo Graña confirma que en Xunqueira hai proxecto e sabe o que precisa e merece o concello”. “Necesitamos moitas persoas coma el: activos, dinámicos e co interese real de defender a súa terra e traballar polo territorio”.

Un dos momentos máis emotivos do congreso foi o recoñecemento a Carlos Gómez polos seus catorce anos de “servizo público impecable”. Menor destacou o seu compromiso cos veciños, avalado polas sucesivas maiorías absolutas desde 2011, e agradeceu especialmente a súa calidade humana e política: “É unha persoa de partido que soubo dar un paso ao lado para abrir novas etapas, demostrando unha ampla xenerosidade ao seguir formando parte do grupo municipal e traballando polo futuro do municipio desde outra posición”.

Para o presidente provincial, este proceso en Xunqueira é o exemplo claro de que no PP de Ourense “non hai fendas, hai pontes”, combinando o pulo dos novos valores coa experiencia dos veteranos para manter a confianza da cidadanía.

Unha confianza, incidiu, que debe traducirse nas eleccións locais de 2027 en máis das 54 alcaldías actuais, na recuperación da maioría absoluta na Deputación e ser decisivos na capital, sen esquecer desafíos como levar a Alberto Núñez Feijóo á Moncloa e asegurar a segunda maioría absoluta de Alfonso Rueda.

Publicacións Relacionadas