HomeVigoO PorriñoO Concello do Porriño impulsa a mellora integral do entorno do local...

O Concello do Porriño impulsa a mellora integral do entorno do local social do Casal, en Budiño

- Anuncio -spot_img

 Cunha inversión arredor dos 250.000 euros, O Concello do Porriño mellorará a accesibilidade e a calidade das instalacións e creará un parque infantil e varias zonas axardinadas

O Concello do Porriño promove un proxecto de actuación integral para a mellora do entorno do local social do Casal, na parroquia de San Salvador de Budiño, co obxectivo de reforzar a calidade do espazo público e fomentar a convivencia veciñal.

A actuación, que xa conta co proxecto redactado e cos permisos correspondentes, desenvolverase sobre unha superficie aproximada de 3.460 metros cadrados nun ámbito estratéxico para a vida social da zona, tradicional punto de encontro, lecer e actividade comunitaria.

Novos espazos de convivencia

O proxecto contempla unha reorganización integral do espazo, priorizando o uso peonil fronte ao tráfico rodado, que na actualidade xera conflitos en materia de seguridade e accesibilidade. Neste sentido, delimitarase un único vial para a circulación de vehículos, ao tempo que se crearán novas áreas de convivencia máis seguras, accesibles e funcionais.

Entre as principais actuacións inclúense a creación dun parque infantil, a habilitación de novas zonas axardinadas con especies autóctonas, a mellora da pista deportiva e a adecuación de espazos peonís e de aparcamento. Así mesmo, prevese a posta en valor de elementos existentes como o palco da música e o entorno do cruceiro, reforzando o carácter identitario do lugar. “Será poñer en valor este espazo, un antes e un despois para o entorno do local social do Casal, unha zona con moita vida, cuns veciños que precisan un espazo acorde a historia que ten este lugar, e iso será posible cando rematemos esta actuación”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Integración paisaxística

A intervención aposta por criterios de sustentabilidade ambiental, incrementando a permeabilidade do terreo e favorecendo a xestión eficiente das augas pluviais. Ao mesmo tempo, contribuirá á recuperación da imaxe tradicional do espazo mediante unha integración paisaxística respectuosa coa contorna.

Cun orzamento de execución por contrata de 250.210 euros e un prazo estimado de execución de seis meses, o proxecto responde a unha demanda da veciñanza e permitirá avanzar na mellora da calidade de vida da cidadanía, consolidando este enclave como un referente social e comunitario en Budiño

Publicacións Relacionadas