Mentres se mantén habilitada a pasarela provisional, o Executivo local ultima os preparativos para o regreso da estrutura orixinal. A semana que vén traballarase na colocación dos piares a un lado e ao outro da avenida
O Concello prepara xa o regreso da pasarela peonil entre estacións que sobrevoa a avenida Alfonso Molina, estrutura que actualmente está en proceso de renovación e saneo, e que volverá nas vindeiras semanas á súa ubicación orixinal, conectando a rúa Caballeros coa rolda das Estacións e Marqués de Figueroa.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou que a actuación sobre a pasarela supón un investimento de case un millón de euros, necesario para mellorar a súa accesibilidade e tamén para reforzar a súa seguridade, sendo como é un dos principais itinerarios de paso entre a actual terminal de autobuses, en Catro Camiños, e as instalacións da futura estación intermodal, en San Cristovo.
Dado que as pezas da pasarela orixinal están a ser tratadas en taller, o Concello habilitou semanas atrás unha pasarela provisional que permite manter ininterrompido o percorrido peonil sobre Alfonso Molina, evitando así que as persoas usuarias se vexan obrigadas a cruzar a avenida desde puntos máis afastados.
Agora, o Executivo local ultima os preparativos para que a pasarela orixinal volva ao seu emprazamento toda vez se complete a súa renovación. Ata entón, a previsión é que a semana que vén se inicie a colocación dos pilares a un lado e ao outro da avenida Alfonso Molina, como paso previo á colocación da estrutura xa mellorada, tanto nas ramplas laterais como no vano central. 700.000 euros de investimento no mantemento das pasarelas peonís da cidade
Ademais da intervención específica de mellora que se está a executar sobre a pasarela entre estacións de Alfonso Molina, o Concello traballa tamén na contratación do servizo conservación, mantemento e reparación do conxunto de pasarelas e pontes con acceso peonil da cidade.
Esta mesma semana, a Xunta de Goberno Local aprobou un investimento de 700.000 euros no servizo, por dous anos e con posibilidade de prórroga por outros tres. Este contrato inclúe as accións necesarias para actuar sobre as estruturas de paso peonil, garantindo a súa transitabilidade nas mellores condicións.



