HomeA CoruñaO ciclo Poetas Di(n)versos pecha o primeiro trimestre do ano con textos...

O ciclo Poetas Di(n)versos pecha o primeiro trimestre do ano con textos colombiáns e ourensás

- Anuncio -spot_img

Rómulo Bustos e Xoán C. Rodríguez protagonizan o recital deste luns 23 no Centro Sociocultural Ágora

O ciclo internacional de poesía Poetas Di(n)versos, organizado polo Concello da Coruña e dirixido pola Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño, continúa a súa décimo sétima edición cun recital que terá lugar o luns 23 de marzo, ás 20.00 horas no Centro Ágora. O colombiano Rómulo Bustos e o galego Xoán C.

Rodríguez ofrecerán recitais nos que o uso da ironía e da poesía como pensamento crítico atravesan tanto o antigo membro do colectivo Ronseltz coma o Premio Nacional de Poesía de Colombia. O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, salientou que este ciclo “demostra edición tras edición que a poesía pode ser un espazo de diálogo entre continentes, xeracións e linguas, aberto a toda a cidadanía”.

Rómulo Bustos Aguirre naceu no Caribe Colombiano, concretamente en Santa Catalina de Alejandría, Bolívar, en 1954. Poeta, ensaísta e profesor universitario é doutor en Ciencias das Relixións pola Universidade Complutense de Madrid.

Autor de obras como Semántica del mundo, Selected poems (2022), La oscilación perpetua (2022) e Casa en el aire (2017), a súa obra poética circulou entre mostras colectivas, eventos nacionais e internacionais, e as antoloxías La pupila incesante, Obra reunida (2016), Poesía escogida (2014), De la dificultad para atrapar una mosca (2008) Oración del impuro, Obra reunida (2004) ou Palabra que golpea un color imaginario, Obra reunida (1996).

En 1993, o Instituto Colombiano de Cultura concédelle o Premio Nacional de Poesía polo poemario En el traspatio del cielo. Así mesmo, o Ministerio de Cultura de Colombia outórgalle en 2019 o Premio Nacional de Poesía pola antoloxía De moscas y de ángeles.

Xoán Carlos Rodríguez naceu na Barra, Ourense, en 1966. Inicia a súa actividade literaria dentro do Colectivo Ronseltz (cóctel literario) colaborando en múltiples recitais, nos tres números do fanzine do mesmo nome, así como en diversas revistas de carácter literario e no libro colectivo Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (1994).

Participa con diferentes artistas plásticos en catálogos, intervencións e libros colectivos como Estado de sitio (2003), Zona de Exclusão (2004), Raza (2004), Leningrad (2006), ademais de nos carteis da serie Magosto do Outono fotográfico ou o cartafol de gravados Combinación Finita (2010).

Tamén forma parte da sección Poesía da 13 Bienal de Lalín Pintor Laxeiro (2017) e na exposición Aoutorretrato (2018). En 2019 no II Festival de poesía Alguén que respira, volve reunirse cos seus compañeiros do grupo Ronseltz para un acontecemento poético memorable, acto colectivo que se repetirá en 2020 no espectáculo II Centenario, cando o colectivo recita por última vez. Ademais de publicar obras individuais como Occidencia (2004), Sectores de fogo (2015) e Cristal líquido (2021), desenvolve un proxecto de narración web no sitio sectoresdefogo.com.

Poetas Di(n)versos mantén o seu formato habitual, con recitais mensuais entre outubro e xuño nos que dialogan unha voz galega e outra internacional. O ciclo é hoxe unha referencia consolidada na programación literaria do país e desvela a súa programación trimestre a trimestre, consolidando este espazo como unha das principais plataformas poéticas da Península.

O ciclo, impulsado polo Concello da Coruña, conta coa dirección literaria de Yolanda Castaño e mantén a súa sede habitual no Auditorio do Centro Ágora, consolidándose como un espazo estable, accesible e de prestixio para o encontro coa poesía.

A entrada aos recitais é libre ata completar aforo.

Publicacións Relacionadas