Unha foliada servirá como antesala no 28 de marzo
Ribeira comeza xa a quecer motores cara as distintas festas que se desenvolverán no verán, constituíndo o Bruón Folk Fest unha das primeiras citas a celebrar do 8 ao 9 de maio, organizada pola Asociación Cultural Os Liantes e coa colaboración das concellerías de Cultura e Festexos, ademais de empresas locais.
Pero xa antes, no sábado, 28 de marzo, haberá unha foliada bruona baixo o lema O bruído que nos xunta, a partir das 19.30 horas, na carpa de usos múltiples. Un total de 16 grupos tradicionais farán desfrutar ao público asistente coa música e baile propios do folclore galego: Andavía Acordeonistas, Silvaveiras, As Ferreñas, As Garridiñas, Espiñeira, O Facho, Nunca é Tarde, Aroña, Rumbía, D’Palique, Os da Boina, Arrancadeira, A Foliada do Montiño, Mar de Cabo, Os Pequenos do Barbanza e Bailadela con As 7 linguas da Asociación Francisco Lorenzo Mariño. Ademais, faranse sorteos e levaranse a cabo actividades co fin de recadar fondos para o festival.
A concelleira de Cultura, Ana Barreiro, puxo en valor o Bruón Folk Fest, pois “é un evento moi importante para a cultura e a música tradicional galega”, descentralizando as accións lúdicas da cidade para levalas ao rural, concretamente, á parroquia de Artes. “Nome de parroquia máis acaído por este festival, o museo etnográfico e o Mugart”, apuntou.
En sentido similar tamén se pronunciou o edil de Festexos, Fernando Abraldes, para que “é un evento para celebrar a nosa cultura” que medra cada ano, erixíndose como unha actividade interxeracional. Agradeceu tamén o traballo da entidade promotora para manter o espírito desta festa “máis vivo ca nunca.”
Estrutura da terceira edición do festival
A programación da terceira edición do Bruón Folk Fest concentrarase en dúas xornadas; un festival que “evoluciona dunhas foliadas a outro formato máis grande”, en palabras do secretario da Asociación Cultural Os Liantes, Ventura Otero, para dar un paso máis e facer unha experiencia con moita actividade.
No venres, 8 de maio, haberá unha mesa redonda na que se porá o foco no mundo da comunicación con motivo do Día das Letras Galegas e da homenaxeada neste 2026: a xornalista e escritora Begoña Caamaño. E, se no ano pasado, a Banda Bruona logrou reunir aos antigos membros da Banda de Gaitas de Artes, nesta ocasión apóstase por un gran concerto colaborativo que servirá para o recordo e a irmandade. Diversos artistas locais unirán o seu talento sobre o escenario para dar a coñecer toda a creatividade de Ribeira e do Barbanza. Como broche de ouro a ese primeiro día, o rito da queimada fundirase coa enerxía do grupo ourensán Five Pipers.
Para o sábado, 9 de maio, proxéctase o Espazo Bruonciño; unha área dedicada en exclusiva ao público infantil que, como novidade,
contará cun parladoiro cunha persoa recoñecida no ámbito da música galega. O programa completarase coa sesión vermú, actividades e xogos para os máis maiores e un obradoiro de baile impartido por unha figura de recoñecido prestixio do eido tradicional. Xa na noite será a quenda dos concertos, onde as voces femininas e o baile terán un papel central, ademais de agarimo para os galegos e galegas que, dende a distancia, difunden a nosa música fóra de Galicia. Finalmente, as voces soarán ao unísono para interpretar o Himno Bruón como peche do festival.
Estrea da camiseta de 2026
O presidente da entidade, Pablo Silva, tamén na compaña do vogal, Jorge Maño, desvelou que a camiseta deste ano recupera o concepto do Boi Bruón poligonal, obra do artista Andrés Paz. Poderase adquirir xa na propia foliada do 28 de marzo a un prezo de 15 euros para recadar fondos para o festival.



