– A Alameda Castelao será este xoves e venres un gran escaparate con traballos de preto de 700 escolares de Educación Infantil e Primaria dunha ducia de colexios. Nenos e nenas vivirán unhas xornadas de convivencia e gozarán do espectáculo do Show de Fifo.
Preto de 700 nenos e nenas dos diferentes centros de Educación Primaria e Infantil de Redondela participan esta semana no programa Espallar Tinta. Estará o alumnado dos colexios Igrexa-Chapela, Santa Mariña, Outeiro das Penas, Cedeira, Ventosela, San Pedro de Cesantes, Alexande Bóveda, EEI Marisma, Reboreda, Quintela e Colexio Vigo. Como novidade, nesta IV edición participa tamén como centro convidado o CEIP Doutor Suárez, de Fornelos de Montes. A Alameda de Castelao acollerá o xoves e venres, días 26 e 27 esta actividade para promover a dinamización da escritura e a literatura na infancia.
Espallar Tinta recolle durante dous días os proxectos de escolares e profesorado nunha feira na que o propio alumnado dá a coñecer as súas producións escritas. Xornais, contos ou poemas son algúns dos traballos dos que poderemos gozar. Nestas dúas xornadas darase visibilidade á infancia e a todo aquilo que escriben e queren compartir. Para a alcaldesa Digna Rivas “é moi importante facilitar espazos ao aire libre e abertos ao público onde os nenos e nenas poidan expresarse con seguridade e ensinar o seu traballo”. O concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez, salientou tamén a importancia de actividades como esta para favorecer “a convivencia entre o alumnado e profesorado dos diferentes centros, e poder compartir proxectos e experiencias”. E para facer deste “Espallar Tinta” unha festa completa, os dous días haberá espectáculo co “Show de Fifo”, con música, bailes e moito humor.
O Concello de Redondela financia esta actividade, así como o traslado do alumnado ata a Alameda Castelao, e colabora co CEIP plurilingüe de Cedeira na organización. A alcaldesa agradeceu á profesora Jessica Rodriguez Piñeiro o seu traballo “na organización dun evento desta magnitude”.



