O Concello de Ponteareas informa de que xa está aberto o prazo de inscrición para participar nunha nova edición de Saborotea, unha oferta de almorzos que volve poñer en valor a calidade e creatividade da hostalaría local. Os establecementos interesados poderán formalizar a súa inscrición desde o 3 de abril ata o 16 de abril.
Saborotea é unha proposta gastronómica consolidada que busca dinamizar o sector hostaleiro e promover o consumo de proximidade, ofrecendo ao público unha experiencia culinaria atractiva e accesible. Tras o éxito da pasada edición, na que se rexistrou unha ampla participación de locais e unha excelente acollida por parte da veciñanza e visitantes, o evento regresa con forza e novidades.
Nesta ocasión, Saborotea centrará a súa oferta en exquisitos e saudables almorzos, que se poderán degustar entre o 25 de abril e o 31 de maio, convertendo as mañás de Ponteareas nun punto de encontro arredor da gastronomía. Os locais de hostalaría poden inscribirse a través do enderezo electrónico comercio@ponteareas.gal
O concelleiro de Comercio, Ricardo Gonzalo, anima “a todos os locais de hostalaría a participar nesta nova edición, tanto do centro urbano como das parroquias, para seguir facendo de Saborotea un referente”. Ademais, convida á cidadanía “a achegarse a probar os almorzos que ofrece a nosa hostalaría local e aproveitar para descubrir e gozar dos moitos lugares con encanto que temos nas parroquias”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas destaca que esta iniciativa forma parte “dunha estratexia clara de potenciar e visibilizar o comercio e a hostalaría local, que son un dos grandes atractivos da nosa vila”. A rexedora subliña tamén que “citas como Saborotea son importantes dinamizadores sociais, xa que fomentan o encontro e a convivencia arredor da gastronomía”.
O Concello anima a todos os establecementos a sumarse a esta iniciativa e á veciñanza a participar activamente, contribuíndo así ao impulso da economía local e á posta en valor da riqueza gastronómica de Ponteareas.



