― O obxectivo desta reunión é analizar a situación da colectividade galega, que supera as 30.000 persoas, nun contexto marcado pola complexidade política e social
― Neste sentido, José González salienta que a colaboración coa Embaixada de España resulta clave para garantir unha atención próxima, eficaz e coordinada aos galegos e galegas residentes en Venezuela
― Así mesmo, destaca os instrumentos de apoio social dos que dispón o Goberno galego para a colectividade no exterior, entre eles as axudas económicas individuais, cuxo prazo de solicitude permanece aberto ata o 6 de abril
― Indica que esta liña, destinada a cubrir necesidades básicas e de atención sociosanitaria, xa beneficiou máis de 12.700 persoas desde 2018 neste país
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia hoxe a axenda da súa primeira viaxe institucional a Venezuela cun encontro de traballo co embaixador de España neste país, Álvaro Albacete. O obxectivo desta reunión é analizar a situación da colectividade galega nun contexto marcado pola especial complexidade política e social.
Segundo a última Estatística do Padrón de Españoles Residentes no Estranxeiro (PERE), publicada polo INE, a comunidade galega en Venezuela supera as 30.000 persoas. Neste escenario, o conselleiro salienta que a visita permitirá reforzar o apoio institucional da Xunta, ao tempo que se continúan impulsando as diferentes liñas de axuda e acompañamento social, poñendo tamén en valor o papel esencial das entidades galegas no país.
Nesta liña, González indice en que a colaboración coa Embaixada de España resulta clave para garantir unha atención próxima, eficaz e coordinada aos galegos e galegas residentes en Venezuela.
Así mesmo, destaca os instrumentos de apoio social dos que dispón o Goberno galego para a colectividade no exterior. En concreto, máis de 12.700 persoas en Venezuela xa se beneficiaron desde 2018 das axudas económicas individuais, que seguen a ser un recurso fundamental para cubrir necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria. O prazo de solicitude permanece aberto ata o 6 de abril. Así mesmo, existe a liña das axudas de emerxencia social, destinadas a situacións de especial vulnerabilidade.
Hermandad Gallega de Venezuela
No marco desta mesma axenda en Caracas, o conselleiro visitará tamén a Oficina Social e o Centro de Día da Hermandad Gallega de Venezuela, ademais de manter un encontro cos responsables das entidades galegas no país para coñecer de primeira man a súa realidade e necesidades. Ademais, asistirá á estrea do documental Un pasaje de ida y de vuelta. Venezolanos y gallegos, que terá lugar no Teatro Rosalía de Castro.



