Aberta a inscrición para participar neste espazo que ofrece ás coidadoras ferramentas para o seu benestar físico, emocional e mental
Aliviar a pegada que deixa coidar sen descanso. Con este obxectivo o Concello do Rosal pon en marcha a cuarta edición de Cultivando Coidados, un proxecto pioneiro pensado como un verdadeiro sementeiro de apoio, reflexión e benestar para persoas que sosteñen silenciosamente o día a día de moitas familias coidando doutras persoas.
Esta iniciativa está dirixida a mulleres adultas do municipio, dando prioridade ás maiores de 55 anos e, especialmente, a aquelas que teñen ao seu cargo persoas con recoñecemento de dependencia. O obxectivo é claro: ofrecerlles un espazo propio no que reflexionar, compartir experiencias, fortalecer vínculos e incorporar ferramentas que melloren a súa calidade de vida.
Para a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, iniciativas como esta son fundamentais xa que “as mulleres coidadoras levan sobre os seus ombreiros unha responsabilidade enorme, moitas veces invisibilizada. Con este programa queremos recoñecer o seu papel e ofrecerlles un lugar onde tamén elas sexan protagonistas, onde poidan parar, coidarse, rir e florecer sentíndose acompañadas”.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, subliñou o valor transformador de Cultivando Coidados, “un espazo para reflexionar e medrar no que se traballarán aspectos tan importantes como o autocoñecemento, a autoestima ou a importancia de poñer límites saudables, sempre desde unha perspectiva de bo trato cara a unha mesma e cara ás demais persoas”.
O programa aborda cuestións clave como os estereotipos e prexuízos de xénero, o significado do coidado ou a necesidade de crear redes de apoio entre mulleres. Un proceso que busca non só mellorar o benestar físico, emocional e mental das participantes, senón tamén reforzar a súa autonomía e empoderamento.
As persoas interesadas xa poden inscribirse ou solicitar máis información chamando ao 986 62 50 00. Unha oportunidade para lembrar que coidar tamén é aprender a coidarse.



