HomePontevedraMariscando conciencias para o futuro achega oficio do marisqueo a colexios e...

Mariscando conciencias para o futuro achega oficio do marisqueo a colexios e asociacións

- Anuncio -spot_img

– A “Mariscando conCiencias para o futuro” levou este mes a máis dun cento de persoas adultas e escolares a coñecer o traballo do marisqueo. Asociacións como Lenda e os CEIP Laredo e Reboreda experimentaron xa  o oficio e participaron en limpezas de lixo mariño no litoral de Redondela.

– A participación do Future Oceans Lab, da Universidade de Vigo, axudou a dar explicación aos impactos ambientais que está sufrindo a enseada de San Simón pola crise climática, co aumento da temperatura e as chuvias torrenciais.

Dende que comezou o mes de marzo máis de cen persoas participaron desta actividade, que pretende dar a coñecer os oficios da pesca costeira artesanal da man das súas profesionais. Mariscadoras a pé e mariñeiros de litoral compartiron coas persoas vinculadas a Lenda e co alumnado dos colexios CEIP Laredo e CEIP Reboreda as curiosidades dos seus oficios. O carácter artesanal, a vinculación co medio ambiente, as ferramentas e técnicas da xente do mar e a organización do sector foron algunhas das aprendizaxes que fixeron as persoas participantes. Unha vez terminou a explicación, chegou o momento de poñer en práctica os novos coñecementos. Os participantes puideron experimentar en primeira persoa a procura de ameixas, berberechos, longueiróns e outras especies, identificando as súas diferenzas e constatando a dificultade de atopar produto pesqueiro, debido á alta mortaldade. A participación do Future Oceans Lab, da Universidade de Vigo, axudou a dar explicación aos impactos ambientais que está sufrindo a enseada de San Simón. A actividade rematou coa re-sembra das ameixas atopadas.

Mariscando conCiencias para o Futuro pon o foco na intersección de saberes entre as ciencias do mar, a pesca artesanal e a arte comunitaria. Por iso a actividade continuou recollendo lixo mariño nas praias, onde se atoparon restos de téxtil, cerámica, cabichas, redes de pesca e numerosos residuos de plástico. O lixo foi clasificado e parte del será empregado para darlle unha segunda vida na elaboración de pezas artísticas que participarán no Artelixo 2026, que dará comezo a finais de marzo e que este ano leva por título “Ata aquí chegaba o mar!”

Mariscando conCiencias para o Futuro é un proxecto promovido por Amarturmar, Artelixo, Future Oceans Lab (UVigo), Cidadania S. Coop. Galega e Concello de Redondela, co financiamento da Fundación Daniel y Nina Carasso.

Publicacións Relacionadas