O certame terá lugar do venres 27 ao domingo 29 de marzo e as especialidades terán un prezo de tres euros (bebida aparte), con sorteos de diferentes agasallos para os e as clientes que completen a metade ou a totalidade da devandita ruta culinaria
O alcalde, Jacobo Pérez, salienta o compromiso do Concello á hora de colaborar en propostas e actividades que axuden a dinamizar a actividade económica do sector durante todo o ano, consolidando a Caldas como “referente da bisbarra e do interior da provincia”
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, participou este martes na presentación da primeira edición da Ruta de Tapas de Caldas de Reis, unha proposta impulsada desde a Asociación de Hostalería, en colaboración co Concello, que nace co obxectivo de dinamizar o sector e amosar a creatividade gastronómica dos locais participantes. A cita terá lugar durante a vindeira fin de semana, desde o venres 27 ata o domingo 29 de marzo, e as tapas custarán 3 euros, bebida aparte. Os establecementos que toman parte nesta primeira cita culinaria son Bar Torque, De Roxos, Nº2, Hotel Restaurante Sena, Hamburguesería La Burguer, Hotel Pousada Real, Restaurante Roquiño, Nuevo Varadoiro, Mesón Bermaña e O Encontro. As persoas que se animen a probar as especialidades aspirarán a diferentes agasallos, en función do número de consumicións. En cada un dos locais haberá un cartón dispoñible para sellar unha consumición por negocio. A clientela que chegue a cinco sellos entrará no sorteo dun vale de 60 euros para gastar entre estes establecementos. Se se completa o ‘tour’ das dez tapas, a opción será conseguir dous abonos para a vindeira edición do Festival PortAmérica.
Tal e como explicou o presidente da Asociación de Hostalería de Caldas de Reis, Jesús Fariña, durante a presentación, que tivo lugar na Praza José Sesto Casal, para garantir a excelencia das propostas, esta primeira edición da Ruta de Tapas contará cun xurado de excepción, composto por grandes e recoñecidos ‘chefs’, como Fran Jamardo, Coque Fariña e Xoanqui Ameixieiras. Haberá un premio para o establecemento gañador, téndose en conta o 60% dos votos populares e o 40% da valoración do xurado. A entrega de premios farase o vindeiro martes, 31 de marzo. Con respecto aos horarios de consumición, as tapas serviranse o venres 27 de 19.00 a 23.00 horas, o sábado de 12.00 a 16.00 e de 19.00 a 23.00 horas, e o domingo de 12.00 a 16.00 horas. Tanto o alcalde como o presidente da asociación incidiron na importancia de colaborar la consolidación de eventos coma este, que axudan a desestacionalizar a actividade do sector, consolidándoa durante todo o ano, incentivando o consumo entre veciños e veciñas. Asemade, a ruta tamén se presenta como un reclamo turístico axeitado para atraer a visitantes e aos peregrinos do Camiño Portugués que se atopan en Caldas. “É unha aposta pola tradición, a hospitalidade e a vangarda culinaria”, sinalaron. A intención da Asociación de Hostaleiros é que este evento acabe por converterse nun referente anual. Pola súa banda, Jacobo Pérez refrendou o compromiso do Concello á hora de seguir colaborando en impulsar actividades e propostas que “axuden a consolidar Caldas de Reis como capital da bisbarra e municipio de referencia no interior da provincia de Pontevedra”.



