Coa Semana Santa á volta da esquina, Carballo está a facer os deberes para que quen se achegue á costa atope unhas praias seguras, cómodas e, sobre todo, nun estado ambiental impecable.
Nos últimos días, os esforzos municipais céntranse en garantir que todas as infraestruturas e prestacións estean plenamente operativas. Os operarios traballan na revisión e acondicionamento dos espazos públicos, coa limpeza das zonas verdes e o mobiliario urbano, co obxectivo de ofrecer unha experiencia segura, cómoda e de calidade ás persoas usuarias.
Os aseos xa están listos para entrar en funcionamento, o que permitirá dar resposta ao incremento de afluencia previsto durante os días festivos. Do mesmo xeito, revisáronse accesos, pasarelas e elementos de seguridade para garantir un tránsito cómodo e seguro.
A calidade ambiental segue a ser outro dos piares fundamentais. A cualificación de “excelente” nas augas de baño avala o bo estado do litoral e reforza a confianza das persoas usuarias.
Investimentos en marcha
Esta posta a punto complétase cun importante investimento que vén de realizar o Concello de Carballo, de máis de 100.000 euros, na renovación de infraestruturas, como a mellora das pasarelas e a substitución de varandas en zonas sensibles, para reforzar tanto a accesibilidade como a integración co entorno natural.
Ademais, as actuacións complementarias realizadas pola Demarcación de Costas contribúen a que o litoral chegue á Semana Santa nas mellores condicións posibles, tendo en conta que o departamento estatal está a executar nestes momentos as obras de protección dos noiros de Razo, cun investimento de máis de un millón de euros.
Aínda que o obxectivo final da actuación é frear os derrubamentos, gañar espazo para a praia e mellorar a seguridade, as obras, que se realizan estes días na Cabreira, afectan especialmente a un treito do paseo, que está a ser demolido para afastalo da zona con risco de derrubamentos, polo que non pode utilizarse. Ao mesmo tempo, avanzan as actuacións de consolidación dos noiros, como comprobaron o alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros Miguel Vales e Luis Lamas na visita que veñen de realizar á costa.
Con todo, Carballo preséntase nesta Semana Santa como un destino preparado, cun litoral coidado ao detalle e uns servizos listos para ofrecer unha experiencia de primeiro nivel na Costa da Morte.



